O CiTIUS loce excelencia perante a conselleira de Educación

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os centros singulares de investigación da Universidade de Santiago mostraron onte o seu traballo perante a conselleira de Educación e Universidade Carmen Pomar. Tratouse, basicamente, dunha visita guiada polas instalacións do CiMUS, o CiQUS, o CiTIUS e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, onde, en palabras da institución compostelá, “desenvolven o seu labor algúns dos científicos máis excelentes do noso sistema universitario”.
No percorrido, no que tamén participou o reitor Antonio López, Pomar insistiu no seu compromiso coa I+D dos campus galegos mediante “o apoio financeiro estábel a medio e longo prazo a grupos de investigación e a estruturas supragrupais e á formación e retención do talento”.

A visita ás instalacións do CIMUS

A titular de Educación subliñou “o importante traballo” que fan os equipos científicos dos centros devanditos, que “son un dos principais motores da I+D+i en Galicia”, dixo, enxalzando o alto nivel acadado polas investigacións que acubillan e impulsan, potencialmente transferíbeis ás empresas da nosa terra e á nosa sociedade.
Como dixemos, o percorrido de Pomar polas instalacións da USC incluíu unha visita ao CiTIUS, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información, onde se traballa principalmente na materialización de novas tecnoloxías informáticas en áreas como a Intelixencia Artificial, a Supercomputación, a Robótica ou a Nanosensórica. Segundo se lle lembrou á conselleira, no CiTIUS desempeñan o seu labor máis de 100 científicas e científicos, incluídos 30 investigadores principais, 14 posdoutorais e un importante número de estudantes predoutorais. A súa estratexia de investigación diríxese á excelencia no marco de 7 programas científicos: aprendizaxe automática; computación avanzada; e-saúde; procesamento aproximado; robots persoais; sensores autónomos e tecnoloxías da linguaxe natural.
Amais, recordóuselle que os investigadores do CiTIUS publican máis de 60 artigos por ano en revistas e congresos indexados (SCI- Scopus) e defenden arredor de 10 teses doutorais por ano. O centro tamén ten 15 licenzas de software e creou dúas spin-off, Situm Technologies e Imagames.

PUBLICIDADE