O Concello de Ames difunde o Roteiro Maker na Red Innpulso

martes, 2 de abril do 2024 S. P.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e innovación, elaborou un vídeo-resumo do Roteiro Maker co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa na Red Innpulso. O Roteiro Maker, unha furgoneta que organiza obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, visitou os colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín entre o 20 e o 23 de febreiro para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Con esta iniciativa, na que participaron arredor de 400 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria, búscase dar a coñecer a figura das mulleres en diversas áreas científicas.
Entre o 20 e o 23 de febreiro, un Roteiro Maker con obradoiros científicos e tecnolóxicos percorreu os centros educativos amesáns para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia: o martes 20 estiveron no CEIP de Barouta, o mércores 21 no CEIP A Maía, o xoves 22 no CEIP Agro do Muíño, e o venres 23 no CEP de Ventín. Dende os centros de ensino solicitáronlle ao Concello que repitan esta actividade debido ao gran éxito que tivo entre o alumnado.
A través dos obradoiros do Roteiro Maker os nenos e nenas aprenderon sobre Realidade Aumentada ou robótica baixo un formato de actividades interactivas.
Para difundir esta iniciativa na Red Innpulso a empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual elaborou un vídeo-resumo das actividades que se realizaron a través do Roteiro Maker nos centros de ensino. Esta iniciativa contribúe a destacar o papel de Ames dentro da Red Innpulso como cidade da ciencia e da innovación.
A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destacou que “o Concello de Ames quixo poñer en valor un ano máis o Día da Muller e a Nena na Ciencia que se celebrou o pasado 11 de febreiro. Con este obxectivo puxemos en marcha este Roteiro Maker, que percorreu durante esta semana catro colexios de Ames e no que participaron preto de 400 alumnos/as”.
Ademais, indicou “o balance desta iniciativa é moi positivo xa que os rapaces e rapazas participaron activamente nas actividades da Estación Espacial, adicada a Alyssa Carson; Estación Realidade Aumentada, centrada na figura de Ángela Ruiz; e Estación Experimentos dedicada a Jane Colden.

PUBLICIDADE