O Concello de Vilagarcía e o Banco de España formarán á veciñanza en finanzas en liña
martes, 19 de maio do 2026
A aula vilagarciá da Rede CeMiT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) acollerá en xullo un innovador curso titulado Finanzas para todos. En colaboración co Banco de España, no obradoiro abordaranse cuestións como a inflación, o diagnóstico das finanzas propias, os distintos sistemas de pago ou a protección fronte aos fraudes.
O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns, día 18, e poderá formalizarse ben presencialmente, na sede da rúa Matosinhos, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben a través da sede electrónica do Concello, na categoría Emprego. As prazas dispoñibles son corenta. A partir dese número establecerase unha lista de agarda.
O cursiño estrutúrase en dous itinerarios. O primeiro desenvolverase os días 8, 13 e 14 de xullo, en horario de 10:00 a 12:30. Na sesión inicial proporanse cuestións como o estado da “saúde financeira” do propio alumnado, de que maneira afecta a inflación aos nosos petos e como planificar as finanzas persoais en tempos de incerteza. Na segunda, as explicacións centraranse nos consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago e acerca das compras financiadas, incluídas as hipotecas. E na terceira, os temas de estudo serán a banca en liña, o comercio electrónico e Bizum, para concluír con a autoprotección fronte a ciberdelincuencia o e o fraude nas operacións financeiras cotiás.
O segundo itinerario ocupará os días 21, 22 e 27 de xullo, co mesmo horario, de 10:00 a 12:30. Na sesión inaugural falarase sobre billetes, moedas e inflación, como distinguir billetes e moedas lexítimos, deteriorados ou falsos, e os dereitos sobre as operacións con efectivo. Na segunda, os conceptos chave serán os pagos, os financiamentos e o portal do cliente do Banco de España, facendo un repaso sobre os recursos, ferramentas e simuladores que ofrece a citada institución bancaria. Por último, na terceira sesión volverase sobre as finanzas e a protección activa fronte aos fraudes e daranse consellos para a elaboración dun orzamento financeiro persoal.
Máis formación
O curso de Finanzas para todos é a principal novidade do novo ciclo formativo que o Concello, a través da Aula CeMIT, vai desenvolver dende xullo ata novembro. Unha oferta que inclúe instrución específica sobre programas populares de presentacións dinámicas como o Genially ou Canva (7 de setembro a 7 de outubro); LibreOffice de cálculo (mesmas datas que o anterior); Canva para principiantes: conceptos básicos (13 de outubro a 17 de novembro); a impresión 3-D (13 de outubro ao 2 de novembro); e banca dixital (16 a 18 de novembro). A inscrición ábrese tamén o luns 18 coas mesmas condicións xa ditas para o cursiño sobre finanzas. En todos os casos ten carácter gratuíto.
