O Congreso Horizonte 27 acollerá un obradoiro de LEGO para empresas e unha manchea de talleres tecnolóxicos
luns, 11 de maio do 2026
Este luns 18 de maio, Vigo acollerá o Congreso Horizonte 27, un evento organizado por AJE Vigo e o sur de Pontevedra e que conta co apoio do IGAPE. A xornada contará con varios obradoiros, entre os que destaca un de LEGO que servirá de peche ao congreso. A iniciativa pretende “potenciar a creatividade, o traballo en equipo e a resolución estratéxica de retos empresariais”. Este taller estará dirixido por Manuel Feijóo, director executivo (CEO) de Exodega, director de expansión de TokApp e formador de LEGO Education.
O congreso acollerá máis talleres como o impartido por Iria Álvarez, CEO de Almamark sobre Transformación Dixital e Ferramentas Colaborativas Automatización e IA en Pemes, centrado no uso de ferramentas colaborativas, automatización e intelixencia artificial para mellorar a competitividade empresarial.
Pola súa banda, Vanessa Cid, de VisibilidadON, ofrecerá o obradoiro RRSS e a súa importancia na Dixitalización: teoría e casos reais, onde analizará estratexias reais de comunicación dixital e redes sociais aplicadas a empresas e marcas.
No ámbito financeiro, Juan Represa, de Action Coach Global, e Ana Vázquez, de Prox Consultores, dirixirán a actividade formativa Financiamento, subvencións e planificación financeira, orientada a axudar a empresas e emprendedores a acceder a axudas, incentivos e ferramentas de planificación económica.
A sustentabilidade terá tamén un espazo destacado con Sustentabilidade e Economía Circular, impartido por Arancha Mañas, de PMA Nutrigras, que abordará novas estratexias empresariais vinculadas o impacto ambiental e a economía circular.
Dentro do bloque dedicado a loxística, Adrián Pena, director de estratexia en Feeberse, mentor de startups e fundador de Adleta Brands, impartirá o obradoiro Como facer da loxística o teu eixo, centrado na loxística como elemento estratéxico de crecemento empresarial.
O Congreso Horizonte 27 arrincará co relatorio de Javi Díaz, especialista en intelixencia artificial, CPO de Feeberse e membro de Innatial Developers e Mardy Bum, quen abordará as oportunidades actuais da IA aplicadas á empresa.
Dentro do bloque dedicado a financiamento, celebrarase unha mesa redonda baixo o título Financiamento e incentivos para a innovación e dixitalización, na que participarán representantes de IGAPE, Datcisions e Vigsecdrone.
O bloque de innovación e sustentabilidade contará coa participación de destacados perfís empresariais. Manuel Rivera, CEO do Grupo ABC, ofrecerá o relatorio Novos modelos de negocio e éxito, centrada na adaptación empresarial e a innovación.
Logo intervirá Josep Casas, fundador e CEO de proxectos como Food For Joe, Europistacho e Real Ventures, ademais de ex-fundador de Naturitas, quen compartirá a súa experiencia na creación e escalabilidade de novos modelos de negocio.
Ademais das actividades formativas e conferencias, o Congreso incluirá espazos de networking e unha comida empresarial orientada a fomentar a conexión entre asistentes, empresas e institucións.
Segundo a presidenta da asociación de novos empresarios, Águeda Ubeira, o obxectivo do congreso é “crear un espazo de aprendizaxe para Vigo como motor económico e empresarial de Galicia”.
Trátase, engade, “dun congreso para aprender dos mellores e por iso coidamos moito o noso cartel de relatores apostando por grandes profesionais con ganas de compartir a súa propia experiencia”.
A inscrición ao Congreso Horizonte27 está aberta xa na páxina web de AJE Vigo.
