O Goberno decláralle a guerra ao lixo publicitario que chega polo móbil

venres, 22 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Semella que todos os que temos gañas de tirar o móbil tan lonxe como sexa posible en canto recibimos unha mensaxe de tentativa de calote podemos darlle un pouco de acougo aos nosos aparellos. Polo menos, isto é o que se desprende da nova aparecida hoxe nunha chea de medios reflectindo a aprobación no Consello de Ministros da Carta de Dereitos do Usuario de Telecomunicacións. Este documento, encamiñado a protexer un pouco máis a calidade das comunicacións entre os usuarios de telefonía móbil (co fin de limitar que se nos roube enganándonos por onde máis doe: ofrecendo compañía, cartos e agasallos inexistentes), engadiría 20 novos dereitos aos que xa están en vigor. A nova carta non só iría encamiñada a pecharlle un pouco (probablemente non se acade de todo) as portas aos spammers do móbil, senón que tamén se dirixiría a evitar no posible que as operadoras fagan cos clientes o que lles pete: entre outras cousas, inclúe a obriga de pagar indemnizacións cando se nos deixe sen subministro, ou establece a gratuituidade en caso de que a compañía faga cambios de xeito unilateral nos seus servizos.
Volvendo á cuestión do lixo publicitario que chega polo móbil, dicir que a carta, malia existir xa leis que o prohibían, constitúe a primeira experiencia de regulamento propio en contra deste tipo de prácticas. Por certo que pola participación na posta a punto do proxecto de lei (Ministerios de Sanidade e Política Social, Xustiza, Economía e Facenda e Industria, Turismo e Comercio) dase unha idea do alcance do problema e da solución que se tenta achegar. Na carta, a maiores, tamén se establece que as indemnizacións en materia de telefonía fixa e móbil serán inmediatas (sen que sexa preciso solicitalas, se a contía é superior a 1 euro), estando suxeitas a semellantes condicións as compensacións polos servizos de acceso a Internet: serán automáticas no caso de que as avarías sumen seis horas ao longo dun período de facturación cun horario de 8 a 22 horas.