O Goberno regula a IA e concede unha nova licenza de TDT

martes, 26 de maio do 2026 Redacción

O Consello de Ministros aprobou o proxecto de Lei Orgánica para o bo uso e a gobernanza da intelixencia artificial (IA), unha norma coa que o Goberno adapta ao marco español o regulamento europeo sobre esta tecnoloxía. O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, asegurou que a futura lei pretende garantir un uso «confiable, ético e garantista» da IA, ao tempo que reforza a supervisión humana, a transparencia e a protección dos dereitos fundamentais.
A nova regulación remitirase agora ás Cortes Xerais para iniciar a súa tramitación parlamentaria. Durante a presentación, López defendeu que o desenvolvemento da IA constitúe un dos grandes debates internacionais actuais polo seu impacto sobre ámbitos como o emprego, a ciberseguridade, o consumo enerxético, a protección dos menores ou as democracias. Tamén salientou a influencia da recente encíclica papal sobre intelixencia artificial, que aposta por unha visión humanista e respectuosa cos dereitos humanos.
O ministro rexeitou a idea de que exista incompatibilidade entre regulación e competitividade tecnolóxica. Segundo indicou, España sitúase entre os países líderes na adopción da IA e conta cun ecosistema que inclúe dúas factorías de intelixencia artificial, empresas especializadas, unha estratexia estatal dotada con 1.500 millóns de euros e o modelo lingüístico aberto ALIA.
A lei introduce a obrigatoriedade da supervisión humana sobre os modelos de IA e adapta á lexislación española a clasificación europea dos sistemas segundo o seu nivel de risco. O texto tamén establece un réxime sancionador, define un modelo de gobernanza e fixa autoridades encargadas da supervisión.
Entre as prácticas prohibidas figuran as técnicas subliminais, a explotación de vulnerabilidades, a clasificación biométrica, a puntuación social, a vixilancia preditiva, o recoñecemento de emocións, a extracción masiva de rostros e a identificación biométrica en tempo real. Ademais, López lembrou que a Unión Europea incorporou recentemente dúas novas prohibicións impulsadas por España: a creación mediante IA de deepfakes sexuais e de pornografía infantil.
A Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, converterase no organismo central encargado de velar polo cumprimento da norma. O sistema de supervisión contará tamén con outras autoridades sectoriais, como o Banco de España para o ámbito financeiro, a Axencia Española de Protección de Datos para cuestións relacionadas coa privacidade e o Consello Xeral do Poder Xudicial no relativo á administración de xustiza.
O proxecto incorpora tamén medidas específicas para o uso da IA na Administración pública. Entre elas figura a creación da figura do delegado de IA e o reforzo das esixencias de transparencia nos sistemas empregados polos organismos públicos. A norma regulará ademais os sandbox ou contornas de probas destinadas a facilitar que os provedores poidan verificar o cumprimento da lexislación antes da comercialización dos seus sistemas.
Na mesma comparecencia posterior ao Consello de Ministros, Óscar López anunciou tamén a resolución do concurso para unha nova licenza de televisión dixital terrestre (TDT). A concesión recaeu sobre o grupo Servicios Integrados de Entretenimiento Televisivo, fronte á oferta presentada por Mediaset. Segundo explicou o ministro, a implantación da ultra alta definición permitiu liberar espazo radioeléctrico tras unha nova compresión do sinal da TDT.