O Goberno somete a consulta pública un decreto para reforzar a seguridade das telecomunicacións

martes, 2 de decembro do 2025 Redacción

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública abriu ata o 8 de xaneiro o proceso de audiencia pública do borrador do Real Decreto de Seguridade e Resiliencia das Redes e Servizos de Comunicacións Electrónicas e Infraestruturas Dixitais. A iniciativa busca establecer un marco xurídico completo e actualizado que permita reducir o impacto dos incidentes de seguridade sobre os usuarios e garantir a recuperación das comunicacións no menor tempo posible.
O texto considera as redes e servizos de telecomunicacións, así como determinadas infraestruturas dixitais, instalacións de carácter esencial en situacións de emerxencia. Isto implica que, ante unha crise, todas as autoridades e corpos de seguridade deberán colaborar para asegurar a súa continuidade ou restablecemento.
Entre as obrigas previstas, os operadores deberán presentar un Plan Xeral de Seguridade acompañado de plans específicos por tipo de rede, servizo e incidente. Estes documentos incluirán medidas de autonomía eléctrica: as infraestruturas de primeiro nivel deberán garantir a operatividade durante 24 horas en caso de corte de subministración, as de nivel intermedio durante 12 horas e o resto durante catro horas, mantendo a cobertura do 85 % da poboación no caso das redes móbiles.
O decreto tamén reforza as obrigas de notificación de incidentes. Establécese que os operadores comuniquen un suceso nun prazo máximo dunha hora desde o seu inicio, con actualizacións periódicas, unha notificación final e un informe detallado que recolla causas, impacto e medidas adoptadas. Ademais, defínense criterios para clasificar os incidentes como significativos ou menores segundo o número de usuarios afectados, a duración, a área xeográfica e o tipo de servizo.
O borrador pon especial atención na continuidade das comunicacións de emerxencia, como as que se canalizan a través do número 112 e os sistemas de alertas públicas. Tanto os centros de emerxencia como os operadores que lles dan soporte deberán elaborar e presentar os seus propios plans de seguridade.
A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais será a autoridade competente para supervisar o cumprimento das obrigas e coordinarse con organismos nacionais, autonómicos e entidades europeas e internacionais. O texto prevé, ademais, a creación dunha Mesa de Coordinación de Seguridade e Resiliencia, que servirá como foro de debate e permitirá a realización de simulacros.