O Grupo Teleco, entre as firmas premiadas no Polígono do Tambre por facer 25 anos
xoves, 18 de decembro do 2025
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu este xoves 18 de decembro homenaxe a catro empresas situadas no polígono industrial que fixeron vinte e cinco anos como asociadas: AD Grupo Regueira, Gall-Esteril, Grupo Teleco e TVH Parts. O evento, que se celebrou no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre co acompañamento musical do Grupo de Pandeireteiras da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, foi presentado pola vicepresidenta da xunta directiva da Asociación, Flor Mariño.
O presidente da Asociación, José Fernández Alborés; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, a directora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; e a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, entregaron aos homenaxeados un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.
Na súa intervención, José Fernández Alborés incidiu na necesidade da ampliación do solo industrial na área empresarial, sinalando que actualmente “o problema é serio”, con chamadas semanais de empresas interesadas en solo e naves que non hai. “O problema grave xa non é que non haxa solo no momento actual. Ao ritmo que imos non teremos solo a catro anos vista. Penso nos 400.000 metros cadrados que están esperando na Sionlla”, argumentou.
No seu afán de actualizar e mellorar continuamente as infraestruturas e loxística da área empresarial, José Fernández Alborés destacou as melloras en vixilancia e seguridade, coa implementación dun moderno sistema que inclúe o uso de drons e a instalación de 28 cámaras de videovixilancia e dúas térmicas. “Temos 600 empresas e 9.000 empregos. E o reto para 2026 é chegar aos 10.000 postos de traballo”, afirmou.
O director do Grupo Teleco, Manuel García Pombo, agradeceu, en nome de todas as firmas homenaxeadas, o recoñecemento da Asociación Área Empresarial do Tambre. “Este é un recoñecemento que nos fai pensar no rápido que pasa o tempo”. Con este pensamento, García Pombo fixo unha mención especial aos compañeiros e compañeiras de camiño, “as que comezaron a viaxe e aínda seguen, as que se apearon nalgún momento e tamén ás que se incorporaron e seguen axudando, xa que sen elas a empresa non tería durado tanto tempo”. Asegurou que este recoñecemento é, en definitiva para a “xente do traballo”, coa que, en moitas ocasións, case se comparte máis tempo que coa propia familia.
Grupo Teleco
Grupo Teleco naceu en 1993 da man dun equipo apaixonado pola tecnoloxía, co obxectivo de achegar ás empresas solucións avanzadas en telecomunicacións, informática e software totalmente adaptado ás súas necesidades. Ao longo de máis de 30 anos consolidouse como un referente no sector, destacando por proxectos de alta responsabilidade, como ser o primeiro servizo técnico externo de Siemens Telecomunicacións no noroeste de España ou liderar a migración a sistemas de comunicación IP en todos os centros de Osakidetza, o Servizo de Saúde do País Vasco.
Un punto de inflexión clave na súa evolución chegou en 2013 coa incorporación de Delta Telecom, un dos primeiros operadores 100 % galegos. Esta integración permitiulles dar un salto cualitativo e converter o seu catálogo nun porfolio completo de servizos propios: internet de alta velocidade, Voz IP, telefonía móbil, redes privadas virtuais e solucións avanzadas de comunicación empresarial.
Hoxe en día Grupo Teleco combina a experiencia acumulada ao longo de décadas cunha aposta firme pola innovación, a mellora continua e o servizo personalizado, trasladando as pemes o mesmo nivel de servizo aprendido nos grandes proxectos. Inviste de maneira constante en I+D e na creación de novos produtos para garantir que cada cliente reciba a solución tecnolóxica máis eficiente, segura e axeitada ao seu proxecto. O compromiso de Grupo Teleco segue sendo o mesmo que en 1993: transformar a tecnoloxía en valor real para as organizacións.
A compañía dispón tamén dunha división de investigación e desenrolo encargada de innovar para mellorar día a día todos os seus produtos.
AD Grupo Regueira
AD Grupo Regueira é unha empresa de distribución de recambio e equipamento de taller, referente en Galicia, Asturias, León e Cantabria. O servizo ao cliente é a base da filosofía da compañía e o motor que lle permite seguir crecendo tras 60 anos dedicados ao sector. A súa sucursal en Santiago está situada na rúa Édison, 54B do polígono do Tambre.
En 1965, o seu fundador, Ramón Regueira Ramos, abría Recambios Regueira nun pequeno local de 100 metros cadrados na céntrica rúa Juan Flórez da Coruña. En pouco tempo, tivo que cambiarse de local por cuestións de espazo. Primeiramente a un na rúa Eugenio Carré ata o seu traslado en 1978 ao polígono industrial da Grela, onde hoxe segue situada a sucursal da Coruña. Así iniciou un percorrido cargado de traballo, esforzo e dedicación que permitiron chegar ata o momento actual, con 61 puntos de venda, dous almacéns centrais e máis de 500 empregados.
Gall-Esteril
Gall-Esteril é unha empresa creada en 1993 por un equipo humano con grande experiencia no sector sanitario, e cunha firme vocación de servizo ao sector. A súa filosofía de traballo ten por finalidade a satisfacción de clientes, traballadores e provedores, e ser un referente no sector cunha actualización constante de produtos innovadores e de alta calidade.
Desde a Cidade do Transporte do polígono do Tambre, na rúa D e nave 25, a compañía ten por obxecto satisfacer as necesidades do sector sanitario mediante a distribución de equipamento e material médico-cirúrxico de alta calidade, ofrecendo produtos cun alto valor engadido a través de acordos de distribución con fabricantes líderes no sector.
TVH Parts
TVH Parts é unha compañía, con delegación no polígono do Tambre de, especializada e líder en recambios agrícolas, obra pública e industrial, con máis dun millón de pezas diferentes que conforman un stock extenso e unha base de datos de case 50 millóns de referencias, subministra a clientes en 180 países.
A multinacional TVH fundouse en 1969. Conta con máis de 5.000 empregados e continúa crecendo. Coa súa sede central en Waregem, en Bélxica, TVH opera en 90 localizacións en todo o mundo, entre elas a de Santiago de Compostela.
Pero a empresa compostelá naceu no ano 2000 na Cidade do Transporte cunha nave pequena de apenas 300 metros cadrados e con Ramón Figueroa como único empregado. Logo en 2002, a firma trasládase a outra nave de 1.000 metros cadrados situada na Vía Fadaray. E xa en 2023 asentouse nas actuais instalación na Vía Ptolomeo con 5.000 metros cadrados.
