O ITG renova a súa imaxe corporativa no 33.º aniversario do centro tecnolóxico

luns, 26 de febreiro do 2024 S. P.

O ITG, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, celebra en 2024 o seu 33.º aniversario e faino coa estrea da súa nova imaxe corporativa, que, segundo informa, “condensa o espírito innovador e enfocado ao desenvolvemento de solucións de mercado que caracterizan o seu labor”; principalmente nas áreas da Intelixencia Artificial, a enerxía intelixente para a transición enerxética e a mobilidade aérea urbana.
A nova identidade do ITG vén marcada, segundo indican fontes do centro tecnolóxico coruñés, por “unha nova unha identidade visual totalmente nova en conto a cor, tipografía, formas e códigos visuais; u cambio que vén celebrar unha traxectoria asentada de máis de 30 anos de ITG á vangarda tecnolóxica e unha contorna de desenvolvemento persoal e profesional de primeiro nivel”. Segundo indicaron os responsábeis do ITG, “esta nova imaxe reflicte máis fielmente os nosos valores estratéxicos: a solvencia e solidez, a modernidade e a vangarda tecnolóxica da súa actividade e o talento das persoas que o fan posíbel”.
Tal como afirma Carlos Calvo, director xeneral de ITG, “estamos nun dos mellores momentos dos nosos 33 anos de traxectoria en canto a talento e especialización. Aplicamos a tecnoloxía para o control de calidade en procesos industriais, para predicir as vendas dunha empresa, para optimizar roteiros loxísticos, para detectar contaminantes en masas de auga, para que un dron localice coa súa cámara persoas desaparecidas ou para xestionar enerxía verde a prezos competitivos. O desenvolvemento de solucións específicas que melloren a competitividade de empresas e institucións é a razón de ser de ITG”.

PUBLICIDADE