O Museo de Pontevedra permítenos afondar na obra de Castelao dende os nosos fogares

venres, 17 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A listaxe de coñecementos que nos permiten adquirir as redes durante o confinamento é infinita: as tecnoloxías ilustran sobre cousas das que nunca escoitamos falar pero tamén poñen o foco nos nosos tesouros, achegándonos á maxia do redescubrir. Nesta liña de reivindicar o que nos é propio durante a crise sanitaria, a Deputación de Pontevedra propón a actividade Orixinal ou copia? para profundar no que sabemos das obras do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A iniciativa do Museo de Pontevedra inclúese noutra proposta máis ampla: O Museo en Familia. Do que se trata, con Orixinal ou copia, é de mitigar a noso confinamento achegándonos á importancia artística, creativa, solidaria e humana do autor de Un ollo de vidro, Cousas e Os dous de sempre.
En termos máis concretos, a través da iniciativa teremos que buscar 10 diferencias entre obras orixinais do autor e outras falsificacións realizadas por un copista que cometeu outros tantos erros.
A primeira obra coa que se traballa na actividade é a lámina número 12 do álbum Nós que leva a lenda Non son pastores de Belén, son labregos que van pagar os foros, exposta na Sala Castelao do Museo.
A segunda peza é un ex libris de Antonio Iglesias Vilarelle (1922); unha marca de propiedade para pegar no interior da cuberta dun libro e indicar a quen pertence.
A terceira obra é Vento mareiro (1921). Trátase dunha pequena peza de cor sobre papel, a pluma e tintas sobre fondo augado, habitual en Castelao para representar paisaxes galegas.
Por último, a actividade Orixinal ou copia reproduce un debuxo de Cousas, A marquesiña, publicado en 1926. Representa unha fonte do pazo de Oca (A Estrada) á beira da que está unha muller.
Obxectivos
A iniciativa O Museo en Familia lanzada polo Museo de Pontevedra durante a corentena da COVID-19 pretende animar a nenas e nenos a realizar actividades formativas e de lecer na casa. Ao seu abeiro, a dirección do centro está a pendurar na páxina web museo.depo.gal explicativos para realizar obradoiros, entre os que se incluíron contribucións sobre Leopoldo Nóvoa, a exposición Debuxantas e a faceta máis teatral de Castelao. Estas actividades acompáñanse doutras iniciativas destinadas ao público adulto coa difusión a través de redes sociais dos contidos do Museo. Neste senso, a Deputación que lembra que o Facebook do Museo –que conta con máis de 12.000 persoas seareiras e contido aberto– fai acotío varias publicacións con información sobre as exposicións permanentes e temporais.

PUBLICIDADE