O Nokia N96 ponse mañá á venda co seu paquete de vantaxes para viaxeiros

mércores, 24 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O novo Nokia N96, que estará ao alcance da man dos usuarios españois a partir deste xoves 25, vai incluír unha ferramenta especialmente indicada para convertelo nun móbil de ida e volta e a tempo completo, no sentido de aparello dobremente móbil. Dito doutro xeito e para que se entenda: a idea do fabricante non é outra que poñelo nos petos dos usuarios de mal asento, entre os que se contan os viaxeiros e máis os deportistas. A ferramenta en cuestión, o Nokia Sports Tracker, tira partido da base Symbian na que se apoia para monotorizar e avaliar calquera ruta e itinerario, sexa cal sexa a súa natureza. Deste xeito, o aparello N96 (que co prezo que vai ter no mercado, 699 euros, semella encamiñado a viaxeiros especialmente coidadosos coas cousas que van carretando, tendo en conta que se vai con el o soldo dun mes), tamén incorpora o A-GPS integrado.
Esta tecnoloxía en concreto, unida ó devandito Sports Tracker, permitiralle ao usuario recibir partes constantes e actualizados de distancias, alturas, velocidades e tempos transcorridos, datos que logo quedan almacenados. Asemade, dá conta dos progresos realizados paso a paso, de información sobre o ritmo cardíaco e os pasos percorridos, amais de permitirnos a programación e o rexistro das rutas.
En palabras de Francisco Montalvo, director de Produto e Software de Nokia España, “o novo N96 é o móbil máis completo do mercado, xa que non só achega a mellor calidade en fotografía, vídeo e música, senón incontables prestacións como o Sports Tracker, a ferramenta que permite planificar ao miúdo a lembranza dunhas vacacións ou dun domingo de deporte ou paseo”. Amais, ao contar coa combinación desta ferramenta, o A-GPS, o reprodutor de música MP3 e máis a cámara de cinco megapíxeles, convértese tamén nun instrumento de lecer en si mesmo, alén de ser un complemento para as excursións de todo tipo.
Por certo que a listaxe das características témola dispoñible en www.nseries.com/n96.