O Oppo F11 Pro aposta por unha cámara frontal retráctil

mércores, 6 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O Oppo F11 Pro xa pode reservarse en Amazon na India, constatando que para o fabricante chinés as cámaras frontais periscópicas son a súa opción preferente para conseguir pantallas que maximicen o espazo na frontal do teléfono móbil (consegue ocupar o 90,90% do espazo). Este novo terminal chegará ao mercado indio o 15 de marzo e o seu prezo de reserva é de 24.990 rupias (314 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento.
Este novo smartphone chegará cunha pantalla de 6,5 polgadas cunha resolución de 2.340 x 1.080 píxeles sen pestanas nin orificios, co que consegue unha aparencia rechamante, sendo a súa outra aposta as cámaras, presumindo dunha cámara traseira dual con sensores de 48 e 5 Mpíxeles (tendo a cámara principal unha apertura f/1.79 co que consegue unhas imaxes moi luminosas), cámara frontal de 16 Mpíxeles (cun sensor de imaxe un 80% máis grande para conseguir bos retratos en condicións de pouca luminosidade), batería de 4.000 mAh con carga rápida VOOC Flash Charge 3.0 e un elegante acabado da súa carcasa en negro (Thunder Black) ou verde (Aurora Green) cun gradiente 3D.
Este terminal podería indicar as liñas que van seguir vindeiros móbiles de Oppo e OnePlus, de aí que resulta interesante ver que Oppo mantén a súa confianza nas cámaras frontais retráctiles.

JPEG - 61.1 KB
O Oppo F11 Pro presenta acabados en cores degradadas moi elegantes

Vídeo promocional do Oppo F11 Pro

PUBLICIDADE