O Parlamento Europeo aproba a liberación da banda dos 800 MHz para dar servizos de banda larga móbil

xoves, 16 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Os eurodeputados aprobaron onte as novas normas para coordinar o uso do espectro radioeléctrico, de xeito que os Estados membros terán que abrir as novas frecuencias destinadas á Internet móbiles de alta velocidade en 2013, para satisfacer así a elevada demanda de acceso sen fíos á Rede.
Aínda que estamos ante unha competencia estatal, dende a Unión Europea está a buscarse unha coordinación neste eido e unha fixación de estándares que demostrou ser un grande éxito nos pasados anos (o estándar europeo GSM e a adopción das 3G marcaron unha vantaxe fronte a outros mercados como o norteamericano), e agora perséguese a liberación da banda dos 800 MHz, que viña a empregarse para a retransmisión de canles de televisión analóxica, de xeito que estas frecuencias deberán deixarse libres antes de rematar o ano, deixando un espazo libre para servizos de telefonía móbil 4G que principalmente permitirán novos servizos de Internet móbil de banda larga.
A banda dos 800 MHz supón unha grande mellora para este tipo de comunicacións, pois a súa frecuencia é axeitada para unha boa recepción no interior dos edificios e para levar os sinais a longas distancias, o que facilitará a creación de novas infraestruturas e o espallamento da banda larga.