O Parlamento Europeo aproba o remate dos custes por roaming o ano que vén

xoves, 3 de abril do 2014 Marcus Fernández

Finalmente o Parlamento Europeo votou hoxe o remate dos custes por itinerancia no móbil antes do remata de 2015 como parte dunha votación máis ampla en apoio da proposta de Regulamento da Comisión para un Continente conectado (mercado único das telecomunicacións). A vicepresidenta da Comisión Europea, Neelie Kroes, asegura que “este voto é a resposta que da a UE ás expectativas dos cidadáns. Trátase precisamente da razón de ser da Unión: facer a vida dos europeos máis doada e máis barata”.
Kroes leva dende 2010 loitando contra os custes do roaming dentro da Unión Europea, e agora estariamos a un so paso de conseguilo, restando agora que os Estados membros da Unión continúen a revisión da proposta de Regulamento, de xeito que a comisión espera ter un acordo final antes do remate de 2014.
O novo Regulamento que pretende facilitar un Continente conectado no ámbito das telecomunicacións non só busca eliminar o impacto do roaming nos petos dos europeos, senón tamén garantir unha Internet aberta a todos, prohibirá o bloqueo da Rede e a degradación do seu contido (en defensa da chamada neutralidade de rede), coordinará os procesos de concesión de licenzas de espectro para os servizos de banda larga, incrementará o nivel de transparencia dos contratos de Internet e facilitará o cambio de provedor.