O Plan de Banda Larga achegou a Rede a 24.000 veciños da Terra Chá

luns, 1 de abril do 2013 Redacción

A aula móbil de Movistar que está a percorrer toda Galicia dando conta dos avances en conectividade achegados a través do Plan de Banda Larga chegou hoxe a Guitiriz, onde recibiu a visita de Raquel Arias, delegada territorial da Xunta en Lugo, quen destacou que o 85,32% dos habitantes da comarca da Terra Chá goza de cobertura de acceso á Internet de calidade, multiplicando “case por tres a porcentaxe de poboación con acceso á rede de redes” nesta comarca con grande dispersión xeográfica.
Arias destacou que nuns 3 anos “conseguiuse que preto de 24.000 persoas máis desta comarca contasen con dotación de acceso á Internet (..) cando antes do inicio do Plan só dispoñían destas condicións o 32,19% dos veciños”. Especialmente rechamantes foron os casos de Guitiriz e Castro de Rei, onde tiñan unha cobertura inicial do 5,82 e do 5,78% respectivamente, para chegar hoxe a Internet de banda larga ao 84,99 e ao 86,06%.
Esta mellora nas infraestruturas de acceso á Rede serve tanto para axudar aos cidadáns para superar o seu illamento xeográfico como para mellorar a prestación de servizos públicos, o que é posible grazas ao pulo que a Xunta está a facer neste ámbito a través da AMTEGA.