O Plan de Banda Larga facilitou cobertura de Internet de banda larga a 1.300 veciños de Aranga

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

A aula itinerante de Movistar, que percorre as vilas galegas dando conta dos avances do Plan de Banda Larga, recalou hoxe en Aranga, onde recibiu a visita da delegada territorial da Xunta na provincia, quen estivo acompañada polo alcalde do municipio, Alberto Platas. Belén do Campo aproveitou a ocasión para destacar a importancia das actividades de divulgación das melloras dos accesos á Rede pola nosa xeografía, para que tanto cidadáns como empresas teñan presente que “o acceso á banda larga de calidade permite aos galegos extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”.
No caso de Aranga, indicou a delegada, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis de 1.300 habitantes que carecían de conexión á rede, o que supón máis do 61,23% da poboación do municipio. Hai dous anos, o concello carecía practicamente de cobertura e as previsións do departamento autonómico é que esta supere o 98% da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.
Na comarca de Betanzos, na actualidade cerca de 35.000 persoas contan con conexión á rede. Grazas ao Plan, a poboación con cobertura pasou dun 54,8% a máis dun 88%. A previsión é que ao remate do próximo ano esta porcentaxe supere o 96,6%, cubríndose o resto vía satélite.