O Plan de Banda Larga mellorará a cobertura da Internet en núcleos de 181 concellos

luns, 23 de abril do 2018 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo cos representantes do Clúster de Turismo galego na que abordaron diferentes asuntos, entre eles, as melloras de conectividade previstas pola Xunta e o Estado e das que se beneficiarán diferentes puntos turísticos.
Desde a Xunta avanzouse que o Plan de Banda Larga 2020 facilitará o acceso a redes de 100 Mps a 74.400 persoas de núcleos de 181 concellos galegos, entre eles, diferentes zonas do Concello de Sanxenxo. O Clúster trasladoulle a ambas directoras a necesidade de mellorar a cobertura neste municipio, que concentra un importante fluxo turístico, especialmente no verán.
Esta actuación do Plan, que se inicia este ano, cun investimento público de 14,2 millóns de euros estenderá fibra óptica en núcleos de menos de 300 habitantes das catro provincias galegas.

Máis do 74% dos galegos con redes ultrarrápidas en 2020

Ademais o Estado ten en marcha outras medidas que beneficiarán a outros 258.000 galegos de núcleos de maior tamaño, grazas a un investimento público de 21 millóns de euros de Fondos FEDER.
Polo tanto, ambas medidas posibilitarán que no 2020 máis de 332.000 galegos de 258 concellos teñan acceso a redes ultrarrápidas. Así, en dous anos, máis do 74% do galegos poderán acceder a internet de alta velocidade. Esta porcentaxe incrementaranse con novas convocatorias anunciadas polo Estado dentro do Plan 300x100.

PUBLICIDADE