O Polígono Industrial de Tremoedo conta con acceso á Rede de até 350 Mbps

xoves, 9 de agosto do 2018 Redacción

Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o Polígono Industrial de Tremoedo, en Vilanova de Arousa, acompañado do alcalde da localidade, Gonzalo Durán, e do responsable de medianas empresas de R, Jacobo González de los Santos, aproveitando a ocasión para dar conta de que o parque empresarial xa dispón de acceso á Internet a velocidades de até 350 Mbps grazas ás actuacións do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta.
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso á Internet con velocidades de até 350 Mbps a outros 12 polígonos pontevedreses, acadando así un total de 28 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas este ano.
Na comarca do Salnés xa está a funcionar este servizo en 9 polígonos de 6 concellos: nos polígonos de Bamio e O Pousadoiro en Vilagarcía de Arousa, no de Baión en Vilanova, nos de Cobas e Vilanoviña en Meis, no de Cambados, no de Ribadumia e no Porto de Meloxo no Grove. Para este ano está prevista a súa instalación tamén no polígono da Pedreira en Meaño.

PUBLICIDADE