O Supremo confirma sancións por un total de 240.000 euros a R por facturación irregular

mércores, 15 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A Dirección Xeral de Telecomunicacións impuxo ao operador R o 23 de marzo de 2016 catro multas por un valor conxunto de 240.000 euros como consecuencia dun expediente aberto en 2015 por vulnerar «os dereitos dos consumidores e usuarios finais do servizo», sanción que vén de confirmar o Tribunal Supremo, que non admitiu o recurso de casación presentado pola compañía actualmente integrada no grupo Euskaltel.
A resolución especificaba as infraccións de R, que vulneraba a Lei Xeral de Telecomunicacións no que respecta ao servizos de tarificación adicional (os números 905) por non desagregar nas facturas os conceptos independentes para cada un dos servizos facturados «sen reflectir separadamente a parte correspondente ao servizo telefónica dispoñible ao público, que inclúe o servizo da rede de tarificación adicional, da parte relativa á remuneración que corresponde ao prestador do servizo de comunicación».
Tamén culpan a R de non facilitar a identificación do titular do número telefónico chamado nin a identidade do operador de rede de tarificación adicional. Tamén se reprocha á compañía de telecomunicacións o cobro do servizo de tarificación adicional aínda cando o usuario non o chegou a utilizar, infracción considerada como grave, por tratarse dunha actuación xeralizada e non individual.
R procurou evitar as sancións presentando alegacións ante a Dirección Xeral de Telecomunicacións, a Audiencia Nacional e, finalmente, o Tribunal Supremo, organismos que non atenderon os seus argumentos e consideran axeitada a resolución inicial do expediente.

PUBLICIDADE