O alumnado de Comunicación Audiovisual da UVigo achega vídeos para combater a desinformación
luns, 18 de decembro do 2023
Dar a coñecer os diferentes tipos de
desinformación existentes ao abeiro das novas ferramentas de
comunicación e os recursos que a cidadanía ten ao seu alcance para
verificar a información é o propósito dos diferentes vídeos que,
ao longo deste cuadrimestre, o
alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual (Campus de Pontevedra,
UVigo) difunde a través das redes sociais. Divididos en
oito de grupos, preto de 45 estudantes realizan esta serie de breves
pezas audiovisuais no marco do proxecto Dixitais. Laboratorio
cidadán para competencia dixital e mediática.
Trátase dunha iniciativa de aprendizaxe-servizo
(ApS) coordinada polo profesor da Facultade de Comunicación Alberto
Dafonte, e que chega á súa quinta edición contando, un ano máis,
coa colaboración da ONG Ecos do Sur, organización centrada na loita
contra as desigualdades e na prevención e abordaxe da desinformación
e o discurso do odio en Internet, a través da súa liña
CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o Premio á
Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas
prácticas do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Nesta
liña de traballo insírense as sesións formativas que o equipo de
comunicación desta ONG galega impartiu, de xeito virtual, aos e ás
participantes neste ApS.
Desta volta, o proxecto insírese nas actividades
da materia Propaganda en medios audiovisuais, incorporando
no devandito Grao unha serie de cambios para “afondar en certos
conceptos relativos á desinformación e como loitar contra ela,
directamente relacionados cos contidos da materia”, como explica
Dafonte. Así, se en anteriores edicións os vídeos do alumnado
permitiron abordar certos mitos ou boatos (informacións sen
contrastar) relacionados con temáticas ou colectivos concretos,
nesta edición o proxecto busca pór o foco na propia problemática
da desinformación.
O primeiro dos dez vídeos que o alumnado debía
realizar tiña que centrarse en ofrecer unha definición desta
problemática. A partir de aí, o proxecto abrangueu a publicación
semanal doutros nove vídeos, centrados en “dous grandes bloques de
contidos”; os diferentes tipos de desinformación existentes e as
ferramentas que existen para combatela. Co obxectivo de contribuír,
como explica Dafonte, “á alfabetización mediática” da
cidadanía, os diferentes grupos crearon perfís en redes sociais,
aos que foron incorporando cada semana os seus traballos e que
actualmente acumulan no seu conxunto máis de 72.000 visualizacións.
Mais da metade das visutalizacións concéntranse
nunha peza realizada polo grupo Informales
en TikTok, que acumula máis de 42.000 visualizacións. Trátase dun
vídeo
no que explican o que supón un “contexto falso”, o uso de imaxes
reais acompañadas dunha información contextual falsa. Fano a partir
dun exemplo concreto, un vídeo recentemente difundido a través das
redes sociais e que se presentaba como imaxes dunha voda entre un
home musulmán e unha nena de dez anos, cando en realidade, como
explican os estudantes, tratábase do vídeo dun pai italiano
facéndolle un regalo a súa filla. Este vídeo acadou tamén máis
de 3500 gústame e preto de 400 comentarios, que permitiron ao grupo
analizar en outras problemáticas relacionadas coa desinformación,
como o nesgo de confirmación, en vídeos posteriores.