O buscador ecolóxico Ecosia aproxímase aos seis millóns de árbores plantadas

luns, 19 de decembro do 2016 Redacción

Resolver dúbidas na Rede ou simplemente ir á procura de algo pode traducirse nunha porción máis de osíxeno para todos, nunha porción máis de tempo na Terra. E como é ido posíbel? Pois grazas a un buscador que planta unha árbore con cada unha das nosas buscas. Estamos a falar de Ecosia, un navegador que abrollaba hai uns anos no maxín de Christian Kroll (creador doutras dúas máquinas de busca verdes: znout.org e forestle.de) hai tempo e que se materializou este ano cunha importante cota de éxito, de feito xa anda a rentes (a data de 19 de decembro) dos 6 millóns de árbores plantadas. Ademais, acadou unha comunidade de máis de 2 millóns de usuarios activos, o que supón máis de 2 milllóns de euros doados (0,28 euros/árbore).
Indo ao miolo, Ecosia é un buscador que doa o 80% dos ingresos de publicidade a un programa de plantación de árbores en Burkina Faso, Madagascar e Perú. Tamén apoia os proxectos de WeForest, The Eden Project, e PUR Project. É unha empresa con vocación social fundada en Alemaña a finais do 2009. Antepón o benestar das persoas á maximización dos seus beneficios. En Ecosia están convencidos de que as árbores teñen o poder de converter ao planeta nun lugar mellor.
Dende 2014 é unha B Corporation polo seu labor social e ambiental. É unha certificación que se lle dá a empresas que se comprometen a xerar un cambio social ou ambiental no ámbito no que se desenvolve.
E como vai isto de Ecosia? Pois cada vez que se fai unha procura en internet con Ecosia, os anuncios de procura xeran ingresos e o 80% deses ingresos van encamiñados a plantar árbores.
Cada vez que se emprega o buscador vai sumando a cantidade de árbores que sementou cadaquén.
E por que a escolla de árbores? Pois son un importante remedio caseiro de gran impacto na natureza con multitude de beneficios: protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión; fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno; ceiban vapor de auga que refresca o aire e humedéceo; reteñen as partículas de po e contaminantes do ambiente; protexen do sol e a chuvia; reducen a contaminación acústica; promoven a biodiversidade e achegan alimento e produtos que favorecen o desenvolvemento do lugar.
En cada zona analízase o tipo de árbore a plantar, o que permite loitar contra o cambio climático e converter os desertos en bosques fértiles. Xa plantaron preto de 6 millóns de árbores, axudando ao planeta e á economía local, achegando alimento, traballo, educación.

PUBLICIDADE