O catálogo de contidos audiovisuais galegos acada difusión no European Film Market de Berlín

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

O audiovisual galego ten un papel protagonista na 36 edición do European Film Market de Berlín que se celebra estes días na capital xermana de xeito paralelo á Berlinale. A Consellería de Cultura e Educación, a través da axencia autonómica AGADIC, comezou neste marco a difusión do novo catálogo Films from Galicia de 2024, integrado nesta edición por 75 títulos galegos para cinema e televisión. Clasificadas en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 das producións xa están rematadas e as 41 restantes están ultimando a fase final para a chegada ás pantallas.
Segundo explican fontes de AGADIC, todas as producións (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o nos territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras.
A escolma de Films from Galicia, resultante dunha convocatoria ao sector para formar parte do devandito catálogo, compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia, que xa foi publicado baixo a súa propia marca a comezos deste mes de febreiro canda á celebración do Festival de Clermont-Ferrand (Francia).

PUBLICIDADE