O creador da plataforma Unicoos, David Calle, estará o 28 de abril en Vigo

venres, 17 de marzo do 2017 Redacción

O vindeiro 28 de abril, a sede de AFundación en Vigo vai acoller unha conferencia de David Calle, director executivo de Unicoos, a academia en liña de meirande éxito de España (e o terceiro portal educativo científico-tecnolóxico do mundo). O relatorio insírese no ciclo Educación e docencia no século XXI que organiza AFundación (Abanca). David Calle, un dos dez finalistas ao prestixioso Global Teacher Prize que se fallará en Dubai o domingo 19 de marzo, é enxeñeiro de Telecomunicacións e dende hai anos compatibiliza a súa vertente tecnolóxica cunha marcada vocación docente. En 2011, precisamente, deu forma a Unicoos, referencial canle de Youtube no ámbito das plataformas educativas.
Segundo contou recentemente o propio Calle en Santiago, no transcurso da celebración de DICO Summit 2017, Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo do ámbito español e o terceiro no mundo, con 700.000 subscritores en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter. Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos recursos de seu da academia dixital.
Recentemente, Calle foi elixido Youtuber do Ano nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao Global Teacher Prize, considerado o premio Nobel da educación.

PUBLICIDADE