O dominio .gal celebrará os 40 anos do Museo do Pobo Galego con descontos

xoves, 5 de outubro do 2017 Redacción

O Museo do Pobo Galego cumpre o vindeiro 29 de outubro corenta anos de vida e para celebrar este aniversario, a Asociación PuntoGal fará unha oferta no prezo dos dominios durante a primeira quincena do mes de novembro, durante a cal divulgará na súa páxina web e redes sociais as actividades que realice o Museo, ademais de repasar os principais servizos e fitos históricos do centro museístico.
Os termos desta colaboración están recollidos no convenio asinado esta mañá entre ambas entidades en Santiago de Compostela, no que se indica que a Asociación PuntoGal realizará unha promoción especial para o público en xeral durante a primeira quincena de novembro co gallo do corenta aniversario do Museo do Pobo. Esta iniciativa supón que o prezo dos dominios baixe até os 25 euros + IVE. Igualmente, a Asociación PuntoGal realizará outra oferta para a compra de dominios para todos os socios do Museo.
O presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi, salientou que «a sinatura deste convenio sintoniza á perfección coa razón de ser do museo que é fortalecer as raíces sociais da identidade propia de Galicia». Manifestou tamén a súa satisfacción porque este novo paso no camiño común das dúas entidades veña sumarse ás demais actividades de celebración do corenta aniversario.
Pola súa banda, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que o Museo do Pobo «é o símbolo de preservación da nosa cultura espiritual e material, fundamento da nosa identidade, da nosa maneira de ver o mundo e mesmo de moitos elementos que caracterizan a nosa lingua». O dominio .gal, engadiu, «ten como función fundamental o reforzamento da nosa identidade como pobo na sociedade do futuro. O Museo e o dominio son, pois, dous esteos fundamentais, distintos pero complementarios, para visibilizar a nosa personalidade no pasado e no futuro».
González quixo aproveitar a ocasión para darlle os parabéns ao Museo «por estes 40 anos de servizo xeneroso a Galicia, e coa sinatura deste convenio queremos salientar a importancia da colaboración das nosas institucións para profundar na cohesión social do noso pobo, visibilizar os nosos sinais de identidade, poñer en valor a cultura propia e aumentar a autoestima da nosa xente».
O director xeral da Asociación PuntoGal, Darío Janeiro, dixo que a colaboración entre ambas entidades é unha máis das iniciativas que está realizando PuntoGal con distintas organizacións e colectivos para dar a coñecer e aumentar o número de dominios .gal, que xa superan neste momento os 4.100 rexistros. Janeiro quixo manifestar o seu agradecemento «polo apoio constante, dende o primeiro momento, do Museo do Pobo a este proxecto común», lembrando que o Museo «formou parte do grupo de dominios do programa de pioneiros” e que “sempre participan das actividades da asociación de maneira construtiva e activa. Non hai mellor forma de agradecerllo que apoialo e difundir o seu valioso traballo durante este aniversario».

PUBLICIDADE