O estudio Fósforo e a Deputación de Lugo reivindican os Ancares cunha serie de viaxes sonoras na Rede
xoves, 4 de xaneiro do 2024
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar
un convenio de colaboración co estudio de produción cultural
Fósforo, Arte e Cultura, integrado polos artistas galegos Iria
Acevedo e José Díaz, para visualizar e mostrar o patrimonio dos
Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras. Baixo
o título Os Andares, este proxecto contará con 10.000€ da
institución provincial e consiste en diferentes pezas en formato de
docuficción que propoñen un percorrido polos concellos
que conforman a comarca.
Tomé
Roca enmarcou esta colaboración na aposta da Deputación por “un
modelo de turismo de calidade, sustentábel, non masificado e
atractivo durante todo o ano”. E puxo en valor “unha iniciativa
interesante e innovadora que é respectuosa co medio e que ofrece
unha experiencia diferente no territorio”.
Os
diferentes sons desta serie poden escoitarse xa de xeito gratuíto na
páxina webosandares.com, que
conta con paradas na Pobra de Navia (Navia de Suarna), Penarrubia
(Baralla), Torés (As Nogais), Castro de Santa María (Cervantes), Os
Grobos (Becerreá) e Lagoa Maior (Pedrafita do Cebreiro). “Estas
viaxes sonoras”, explicaron os autores, “son pezas de arte
inmersiva ao aire libre e están contadas por actores e actrices que
interpretan diferentes personaxes; o seu discurso altérnase con
intervencións en primeira persoa dos veciños e veciñas que viven
no territorio”.
Son
45 minutos por capítulo para ofrecer anacos de historia e
arquitectura das diferentes localizacións, recollendo ademais as
lembranzas e emocións das persoas que habitan e habitaron estes
concellos e facendo compilación tamén da súa tradición oral,
músicas e acervo cultural.
Dispoñíbel
en galego, castelán e inglés, cada capítulo servirá para ampliar
e completar a oferta turística de cada concello dos Ancares
lucenses, aproveitando os propios recursos existentes en cada
municipio.