O fluxo de mensaxes de texto na fin de ano xa ten cifra de caixa: 15 millóns de euros

luns, 8 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Hoxe toca falar de cifras: en concreto, as das mensaxes de texto que circularon na pasada festa de fin de ano de móbil en móbil e as do volume de cartos que xeraron para as operadoras.
Cada festeiro na súa casa puído facer as súas propias contas aproximadas do que significa que cada habitante do estado español collese ó móbil ó mesmo tempo para lanzar un SMS (e logo outro, e máis outro), pero resulta que a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU) xa se nos adiantou: ó longo dese serán e esa noite do 31, gastamos entre todos arredor de 15 millóns de euros en mensaxes, sendo moitas delas mensaxes de reenvío en chave de humor previamente escritas por outros (algún novo departamento das operadoras onde se lle saca punta ó persoal afeccionado a facer power points por e-mail co fin de que non podamos resistir a tentación de enviar a brincadeira en cuestión ás amizades?).
Mais a información non queda aí. Segundo a CECU, entre as 19.00 horas dese día e as dúas da madrugada do 1 de xaneiro enviamos máis de cen millóns de mensaxes de texto. Esta cifra, lonxe de ser unha carga para as operadoras, constituíu (unha vez máis) un bonito xeito de facer caixa. Iso si, que ninguén pense que foron elas as que propiciaron esta nova vaga de mensaxes.
Ó xuízo das operadoras, o feito de que nos chamásemos de todo agás fermosos e listos ó longo desa noite en diferentes quendas de SMS é só responsabilidade nosa.
Froito do noso devezo por desexarnos uns ós outros un bo ano.