O fundador de eyeOS achegou en Vigo as chaves para reinventármonos no mercado

luns, 13 de maio do 2013 Redacción

Pau García-Milà estivo os días pasados no congreso de emprendemento celebrado por AJE Vigo

O Congreso Internacional de Novos Empresarios celebrado en Vigo os días pasados (a man de AJE Vigo) contou coa presenza de múltiples representantes do que se vén coñecendo como innovación empresarial na Rede en calquera das súas manifestacións. Así, foi inaugurado por Carlos Barrabés (responsábel da tenda de material deportivo Barrabes.com e un dos principais pioneiros do comercio electrónico a nivel español e europeo) e, xa na recta final do congreso, acolleu a intervención de Pau García-Milà, fundador de eyeOS, como lembraremos unha plataforma de nube privada (incluíndo recursos para a xestión da información persoal, ferramentas de colaboración e aplicacións empresariais) cunha interface de escritorio baseada na Web. García-Milà centrouse en cales son as tres chaves para reinventármonos: cambiar a contorna, aprender a facernos as preguntas correctas á hora de iniciar un proxecto e saber comunicar.
Sobre a contorna, o fundador de eyeOS sinalou que cómpre fuxir da negatividade amosada por familiares e amigos, unha actitude moi integrada na sociedade española, á hora de opinar sobre un proxecto de emprendemento. Sobre a segunda clave, salientou que en moitas ocasións é fundamental ter claro o obxectivo e exporse as cuestións correctas para triunfar. En canto á terceira cuestión, transmitir ben o proxecto, Pau García-Milà sinalou que decote “unha idea mediocre ten un éxito desmesurado por como se comunica e unha idea brillante non o ten”. Puxo como exemplo a importancia de coidar a imaxe e contido dos sitios en Internet, xa que a media de visualización dunha páxina, nun teléfono móbil, é de sete segundos e se nese tempo non se comunica de xeito correcto, perdeuse unha oportunidade, explicou.
No congreso de AJE Vigo tamén se falou de xeitos de obter financiamento para os nosos proxectos. Os encargados de amosalos foron Miguel Fidalgo, do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Pelayo Novoa, de Redinvest; Ignacio Augado, de Enisa e César Canedo, de Trocobuy. Durante a mesa redonda na que participaron, os asistentes avogaron por simplificar as xestións para acceder a financiamento, coincidindo en que é preciso que as administracións acompañen máis naqueles pequenos proxectos que amosan o potencial e o talento dos mozos galegos.
Na segunda xornada do congreso tamén se celebrou unha mesa de emprendemento, na que interviñeron Cortes de Muar, que se dedica á elaboración de queixo galego; Adegas Menduiña, que fabrica cervexa artesanal galega e IP Global, especializada en captación de tráfico cualificado en Internet. Xuntas deixaron constancia de que España carece dunha verdadeira cultura emprendedora e que, en moitas ocasións, confúndese esta con o autoemprego. Asemade, certificaron que na nosa terra hai unha chea de boas ideas e que poden chegar a competir con grandes empresas.

PUBLICIDADE