O iPhone 3G S chega mañá a España da man de Telefónica

xoves, 18 de xuño do 2009 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica, á que semella costarlle moito deixar atrás este nome de marca en favor de Movistar e O2, tal e como nos anunciou que faría a comezos do pasado mes de marzo, vai comercializar a partir de mañá venres, 19 de xuño, dous novos iPhones™ 3G de Apple®, o iPhone 3G S de 16 XB e o iPhone 3G S de 32 XB.
Tal e como era de agardar, ambos os dous combinan as características máis novidosas do anterior iPhone e inclúen novas aplicacións que o fan únicos no mercado.
O abano de prezos dos novos iPhone 3G S vaille posibilitar aos clientes de Movistar, tanto aos provintes de outras operadoras como aos propios da compañía que desexen cambiar de móbil, adquirilos entre 0 e 369 euros, dependendo do compromiso mensual de tráfico de voz e datos que contraten co terminal.
Pero aquelas persoas que tiveron a sorte (ou quizais non tanto) de comprar o iPhone 3G hai un ano, non teñen que turrarse dos pelos por non ter agardado a que chegara este modelo ao mercado para estar á última, xa que a compañía vaille permitir aos clientes que xa tiñan o antigo terminal, descargar de balde o software OS 3.0, que está dispoñible a través de iTunes e que ofrece nada menos que 100 novas aplicacións.
Asemade, para os antigos clientes de Telefónica que xa adquiriran o prezado dispositivo, a operadora vaille realizar ofertas persoalizadas en función do tempo de compromiso adquirido no seu día e que lles reste por cumplir.
Por outra banda, a partir do vindeiro 1 de xullo, Telefónica introducirá unha nova tarifa de datos de 39 euros para os novos iPhone 3G S. Esta tarifa, que xa existe no catálogo de tarifas Internet Móbil de Telefónica para os usuarios que conectan o seu PC portátil cun modem, estará dispoñible para aqueles usuarios intensivos de Internet que queiran empregar as novas funcionalidades do iPhone 3G s como modem de datos ou o novo servizo Internet Tethering deApple.
Para o resto de clientes do iPhone 3G, calquera das tarifas de datos de 15 ou 25 euros parmitiralles empregar tamén o iPhone como modem.
O iPhone 3G S dispón dunha batería de longa duración mellorada, dunha cámara autofocus de 3MP de resolución e dun compás dixital incorporado que permite a navegación inmediata.
Asemade, dende mañá venres, o iPhone 3G co seu último software, ofrecerá a posibilidade de enviar mensaxes multimedia (MMS) así como a opción de conectar o terminal ao PC ou Mac para poder empregar Internet usando o iPhone como un modem 3 G.
Este terminal tamén se poderá adquirir a través da páxina web de Telefónica, onde está dispoñible coas tarifas que se indican no cadro anexo.

PUBLICIDADE