O iPhone 3G podería chegar a España o 18 de xuño

martes, 20 de maio do 2008 Marcus Fernández

Despois de moitos rumores sobre o lanzamento dun iPhone con conectividade 3G e a súa chegada a España, todo apunta a que as últimas informacións son bastante solventes, e durante a Xornada Profesional de Comunicacións (ProCOM Aragon 2008) organizada pola DGA, Francisco José Santos Esteras de Telefónica, asegurou que «xa todos saben que Telefónica ten exclusividade para a distribución do iPhone en España» pero non precisou nin se tería 3G nin a data de lanzamento.
Esta información complétase coa confirmación a Gizmodo da presentación dun iPhone 3G durante a presentación de Apple que terá lugar o vindeiro 9 de xuño no marco da WWDC, o que non suporía a chega inmediata do terminal a España, senón que, segundo a mesma publicación, o novo móbil de Apple chegaría a España o 18 de xuño coincidindo coa inauguración dunha megatenda de Telefónica na Gran Vía madrileña, aínda que non se precisa se a dispoñibilidade en todo o Estado chegará ás poucas horas da inauguración ou ao día seguinte.
O resto de Europa tamén contaría co novo iPhone en datas próximas á estrea española, e se agarda que nalgún país se cambien as políticas de prezos dos terminais, que poderían comezar a contar son subvencións das operadoras e nalgún caso incluso terían máis dunha distribuidora, o que tamén podería pasar en España dentro duns meses, pois tanto Orange coma Vodafone comercializarán o iPhone fóra de España.