O iPhone chega ó Reino Unido con colas nas portas das tendas

venres, 9 de novembro do 2007 Marcus Fernández

O lanzamento do iPhone no Reino Unido hoxe ás 6 da tarde levou a varias persoas a facer cola diante da tenda de Apple na rúa Regent de Londres dende o xoves a pesares do mal tempo, de xeito que os británicos quererían trasladar ó seu país as ansias e o pulo do móbil de Apple, que se comercializará de xeito conxunto con contratos da operadora O2, filial de Telefónica, que incluirán tarifas planas a través de conexións GPRS/EDGE (alí onde os usuarios non teñan acceso por Wi-Fi).
Resulta curioso que haxa early adopters británicos que fagan fronte ás inclemencias climáticas para ser os primeiros en facerse cun iPhone, principalmente porque o número de terminais vendidos en EE.UU. que chegaron a Europa por canles pouco ortodoxas é moi elevado. De feito, se estima que hai uns 250.000 iPhone liberados, e nas tendas españolas incluso se poden ver os terminais á venda (aínda que a prezos bastante elevados, que chegan a superar os 600 euros).
Os usuarios máis fieis a Apple apostarán polo iPhone coma teléfono aínda que teña certas carencias moi criticadas (como a ausencia de conectividade 3G) pero tamén podemos destacar que no Reino Unido os usuarios do móbil máis revolucionario do ano poderán acceder de balde a milleiros de puntos de acceso Wi-Fi da rede The Cloud, co que se superarían as reticencias iniciais por adquirir un terminal tecnicamente inferior a outros do mercado, pero cun atractivo indiscutible.
No tocante ós prezos, o iPhone se venderá a 279 libras (385,42 euros) e o contrato máis barato co que se pode adquirir é de 35 libras/mes (50,15 euros), polo que supón un forte investimento para os consumidores que non están afeitos a gastar tantos cartos nun móbil, pero que abre a porta a un acceso a Internet dende a palma da man, de xeito que comezaría a atender unha demanda do mercado que podería cambiar o xeito de ver a telefonía móbil.
Ata o momento Apple xa vendeu 1,4 millóns de móbiles iPhone nos EE.UU. e agardan que as vendas europeas tamén sexan boas, aínda que a chegada a cada país se fará de xeito escalonado, comezando hoxe no Reino Unido e Alemaña e a finais de mes en Francia.