O lanzamento de MindsEye convértese no novo Cyberpunk 2077

venres, 13 de xuño do 2025 Marcus Fernández

En 2020 o xogo Cyberpunk 2077 fixo historia ao converterse nun dos lanzamentos máis desastrosos que se lembran, por achegar ao público un título ao que lle faltaban moitos meses para rematar o seu desenvolvemento, ata o punto de que Sony decidiu retirar o xogo da PlayStation Store a espera de que se corrixise o seu desempeño.
Aínda que dende CD Projekt Red aprenderon a lección, outros estudios ignoraron o acontecido, de aí que esta semana chegase ao mercado MindsEye, con versións para PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S, nunha versión tan chea de erros que ao día seguinte do seu lanzamento tiveron que prometer un parche de urxencia e, no caso da versión para PS5 tamén causou unha grande sorpresa que aceptasen devolucións do videoxogo na PlayStation Store (algo que só acontecera antes con Cyberpunk 2077).
MindsEye non só ten críticas maiormente negativas en Steam e a súa puntuación en Metacritic é de só un 43 sobre 100 (con aínda poucas críticas completas xa que non se subministraron copias á prensa antes do lanzamento), polo que este xogo que chegaba da man dun dos produtores de Grand Theft Auto V, levantou unhas expectativas demasiado altas, para finalmente achegar un produto defectuoso que lembraba ao acontecido con Assassin’s Creed Unity, dando lugar a numerosos memes na Internet, para convertese no sinónimo da decepción.
O xogo contou cunha grande promoción durante o seu lanzamento, con anuncios en televisión e célebres streamers realizando directos amosando o título (aínda que nalgún caso ata tivesen problemas para conter a risa ante o desastre que tiñan diante), o que agravou aínda máis a mala percepción de MindsEye, ao incrementar a visibilidade dun título que non só precisa de moitos meses de melloras, senón que anunciouse como algo moi superior ao que poderá chegar a ser nunca.