O mando de Stadia pode mercarse por separado

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Ao anunciarse a plataforma de xogos en streaming de Google, Stadia, que chegará a España en novembro, abriuse a reserva da súa Founder’s Edition, que por 129 euros ofrece un Chromecast Ultra, un mando en cor azul noite e 3 meses de subscrición ao servizo tanto para o usuario que o contrate como para un dos seus amigos, e precisamente para estes últimos, ou para poder gozar de títulos para dous xogadores vén de incorporarse á tenda en liña de Google o mando de Stadia.
Este novo mando, que estará dispoñible a partires de novembro, pode xa reservarse por 69 euros e ofrécese en tres cores diferentes (branco, negro e wasabi), e pretende ser un complemento de Stadia Pro, aínda que en 2020 tamén poderá empregarse con Stadia Base (a versión de balde do servizo) para facilitar o xogo nesta plataforma aos usuarios que queiran gozar dunha consola de videoxogos na nube á que poder xogar en móbiles, tabletas, ordenadores e televisores sen ter que adquirir unha consola tradicional.
O mando de Stadia é moi semellante ao das consolas de videoxogos domésticas, aínda que inclúe botóns específicos para Stadia que permiten invocar ao asistente de Google ou capturar vídeo e imaxes dos videoxogos que esteamos a reproducir.

O mando de Stadia está dispoñible en varias cores, entre as que destaca a chamada wasabi

PUBLICIDADE