O novo iPad podería presentarse o 7 de marzo
mércores, 15 de febreiro do 2012
Nas últimas semanas os rumores que apuntan ao inminente
anuncio do iPad 3 non paran de acumularse, e xa hai quen se atreve a datar
o evento de presentación do novo tablet de Apple no 7 de marzo, destacando
o novo dispositivo por contar cunha pantalla cunha resolución de 2.048 x 1.536
píxeles (dobrando a resolución dos modelos actuais), n procesador Apple A6 (que
podería contar con 4 núcleos) e conectividade
LTE (ou sexa, que o modelo con banda larga móbil non se conformaría con 3G,
senón que gozaría de conexións 4G).
Os rumores tamén apuntan a que o novo iPad podería contar con cámaras
melloradas, permitindo incluso o uso da videoconferencia FaceTime en alta
definición, aínda que tampouco se esperan grandes alardes a este respecto,
posto que Apple ten que optar por compoñentes relativamente económicos se quere
manter o prezo de venda do seu produto estrela.
Non parece haber dúbidas sobre a mellora da resolución de pantalla do iPad 3
(fálase de que Apple
podería ter encargado cando menos 65 millóns das novas pantallas) e incluso
hai comentarios sobre a posibilidade de que, aparte do tradicional modelo con
pantalla de 9,7 polgadas, contasen cunha versión
de 8 polgadas, o que parece bastante improbable se atendemos aos
comentarios anteriores dos responsables do deseño de Apple (así como ás
declaracións de Tim Cook ninguneando ao Kindle Fire) ou ao feito de que, de
buscar un tablet máis económico, o máis razoable sería que continuasen a vender
o iPad 2 cunha rebaixa duns 100 euros (como acontece normalmente cos
lanzamentos de novos iPhone).
O que si parece claro é que desta volta, aínda que o tablet non vaia ter un
cambio estético destacable (do iPad ao iPad 2 xa se produciu un adelgazamento
do tablet bastante pronunciado), a mellora da resolución de pantalla e a
posible integración do asistente de voz Siri poderían ser auténticos motores de
renovación do actual parque de tablets de Apple, de aí que non sorprenda que
nestes momentos Apple estea a rexistrar máximos históricos nos mercados bolsistas, achegándose aos
500 dólares, o que dá unha idea das altas expectativas coas que conta a
compañía grazas a un produto que nos seus comezos tivera unha acollida bastante
mala e que finalmente o público recibiu cos brazos abertos.