O número de usuarios de Facebook en España podería ter iniciado o seu declive

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

The Social Media Family constatou o ano pasado no seu III Estudo sobre os usuarios de Facebook, Twitter e Instagram en España que Instagram xa tiña máis do dobre de usuarios de Twitter en España, e agora que presenta a cuarta edición do estudo, non só podemos ver como a distancia entre Instagram e Twitter agrándase, senón tamén como por primeira vez Facebook rexistra unha lixeira caída de usuarios.
Este traballo de investigación cifra o número de usuarios en España de Facebook en 23 millóns, plataforma seguida por Instagram con 13 millóns de usuarios e Twitter con 4,9 millóns, á vez que apuntan que o descenso de Facebook podería non ser só consecuencia da perda de usuarios reais, senón tamén á purga de usuarios falsos.
O estudo centrado nas 50 cidades españolas máis poboadas detectan que o 52% dos usuarios de Facebook teñen entre 18 e 39 anos, mentres que o 42% está na franxa de entre os 40 e os 64 anos, mentres que no caso de Instagram a porcentaxe de usuarios menores de 39 anos sería do 65%, confirmándose como a plataforma dos millennials, á vez que tamén destaca por estar conformada por un 55% de usuarios femininos.
No que se refire a Twitter, aínda que o número de usuarios medra ano tras ano, no que se refire a actividade a cousa non é así, e leva un par de anos caendo, cunha baixada do 6,67% durante 2016 e un 22,86% de caída durante o último ano, o que fai que a saúde desta plataforma non pareza nada boa.

PUBLICIDADE