O proxecto Nós levará a nosa lingua ao mundo dixital da man da intelixencia artificial

martes, 11 de maio do 2021 Redacción

O presidente da Xunta presentou hoxe o proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas. Feijóo subliñou que esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, que serán gratuítos e en código aberto, de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións. O presidente asegurou que «aspiramos a lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade en todo tipo de dispositivos tales como: asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade».
Este proxecto favorecerá a creación dun ecosistema de empresas tecnolóxicas que fará posible o desenvolvemento destes obxectivos. Entre as ferramentas que se desenvolverán figuran: un sintetizador de voz, permitindo a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego, podendo escoller xénero, idade, etc; un recoñecedor de fala, posibilitando a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática; e un xerador de lingua natural, convertendo datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.
Tamén crearase un sistema de diálogo xenérico, é dicir, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros; un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz; e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.

Unha mobilización de máis de 45 millóns, a través dos novos produtos tecnolóxicos

Para levar a cabo o proxecto Nós, Feijóo asegurou que a Consellería de Cultura e a AMTEGA contarán ademais coa participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago; co Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; así como coa iniciativa privada. Ao respecto, recordou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para abordar o baleiro existente neste ámbito.
O proxecto Nós será tamén un proxecto importante en termos de arrastre económico. Non en van, estímase un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros, «o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia», segundo comentou Feijóo; e unha mobilización de máis de 45 millóns de euros privados, a través dos novos produtos tecnolóxicos. O presidente tamén quixo destacar que « estamos a falar dun proxecto de país pensado a curto, medio e longo prazos que recolle o espírito da Xeración Nós que defenderon que o galego non podía quedar excluído de ningún ámbito de traballo», reiterando o compromiso da Xunta coa transformación dixital. Unha aposta reflectida na Estratexia Dixital 2030 ou no acordo asinado coas tres universidades para poñer en marcha dúas titulacións (grao e mestrado) en Intelixencia artificial.

PUBLICIDADE