O proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de Galicia vai camiño do Parlamento

luns, 2 de decembro do 2024 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “que agora comezará a súa tramitación parlamentaria” segundo deu a coñecer hoxe o presidente Rueda. O obxectivo da normativa é adecuar a actual lei (que data de 2011) “aos cambios que houbo nestes anos no audiovisual” así coma adaptala ao novo marco regulatorio estatal e europeo.
Entre outras novidades, o proxecto lexislativo que será tramitado e debatido na Cámara galega obriga aos medios públicos autonómicos a liderar a alfabetización mediática e dixital, en colaboración co sistema educativo, para promover o uso responsable da tecnoloxía, estimular a conciencia crítica e mesmo recoñecer as noticias falsas e os procesos de desinformación. A norma tamén vela polo uso responsable da intelixencia artificial, garantindo o respecto á dignidade humana, os dereitos fundamentais e a súa fiabilidade.
A futura lei compromete aos medios públicos como promotores e difusores da produción audiovisual galega, aposta pola produción propia e crea un Consello Asesor de Participación Social e Profesional, integrado por 15 membros, dos que 9 serán elixidos por maioría cualificada do Parlamento de Galicia.
Coa aprobación deste proxecto de lei e a súa remisión ao Parlamento conclúe un traballo iniciado a primavera pasada, cando o anteproxecto se someteu a información pública e, posteriormente, se abriu o proceso de alegacións, en que participaron preto dunha vintena de organizacións profesionais e particulares ata sumar máis dun cento de achegas. Boa parte das alegacións foron tomadas en consideración, total ou parcialmente, ao igual que as propostas que foron transmitidas en reunións presenciais con entidades profesionais a empresariais do sector.
A futura Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia garante que os medios públicos producirán e difundirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega “salvo cando se trate de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da nosa terra”, matizou Rueda.
O Consello de Administración será elixido por maioría de dous terzos. De non acadarse, a votación repetirase un mes despois e abondará con maioría de tres quintos. É dicir, en calquera dos dous escenarios será elixido por maioría reforzada.
O Parlamento de Galicia elixirá tamén a Dirección Xeral da Corporación. A norma recolle a necesidade de acadar unha maioría de dous terzos nunha primeira votación. De non acadarse, a votación repetirase un mes despois, abondando con tres quintos. Só como terceira opción se considera a elección por maioría absoluta no seguinte pleno para evitar situacións de interinidade indefinida.
Cómpre lembrar que a nova lexislación suporía a transformación da Corporación de Radio e Televisión de Galicia na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), o que provocou rexeitamento por parte de moitos traballadores que se mobilizaron en contra da nova lei, mentres que dende o Clúster Audiovisual Galego, tras certas reticencias iniciais, chegaron a un acordo sobre o texto coa Secretaría Xeral de Medios.