O remake de Final Fantasy VII déixase ver nun novo State of Play

venres, 10 de maio do 2019 Marcus Fernández

A pasada noite tivemos a segunda entrega de State of Play, o novo xeito que ten Sony para comunicar as novidades para PlayStation 4 a través de vídeos de YouTube, que desta volta destacou por ofrecer por fin imaxes de Final Fantasy VII Remake, xogo do que darán máis detalles en xuño. Puidemos así ver a Cloud e Aeris cuns gráficos moito máis realistas que cando o xogo orixinal veu a luz en 1997, aínda que resulta inevitable pensar que a impresión que levaron moitos afeccionados tras a presentación de Sony no E3 de 2015 confundiu desexos e emocións con realidade, e os elementos nostálxicos que provocaron grandes aplausos están a traducirse en produtos que distan moito de ser grandes lanzamentos.
Tras comprobar que a resposta a The Last Guardian foi moi modesta, e que Shenmue III vai ser un xogo de baixa factura só apto para nostálxicos, só podemos pensar que o remake de Final Fantasy VII vai decepcionar a moitos, pois estará lonxe dun lanzamento actual, e simplemente será un xeito de rememorar unha historia que impactou a moitos xogadores no seu día, pero presentada cunha aparencia e xogabilidade que non produza rexeitamento aos que non sexan amantes do retro.
Tamén tirando de nostalxia o novo State of Play serviu para anunciar a data de lanzamento de MediEvil, retorno dun clásico que a partires do 25 de outubro poderá xogarse en PS4. Este xogo non só adaptará os gráficos ás consolas actuais, senón que tamén contará detalles que farán que quen gozase do título orixinal poida atopar algunhas sorpresas.
Tamén se anunciou a data de lanzamento de Monster Hunter: Iceborne, xogo que estrea tráiler e promete ser moi espectacular. Este xogo de caza de dragóns verá a luz o 6 de setembro e permitirá explorar Hoarfrost Reach, unha nova localización que destaca polo seu clima glacial e na que poderemos ver tanto a criaturas coñecidas como a novos monstros aos que enfrontarse.
No State of Play tamén podemos ver o novo xogo de exploración de alxubes Riverbond, que cun estilo clásico e uns gráficos pixelados tridimensionais queren gañar o corazón de moitos xogadores, mentres que WAY: The Survival Series sorpréndenos pola súa orixinalidade, xa que métenos na pel dunha especie de esquío para permitirnos vivir unha aventura dende unha perspectiva que a moitos fará lembrar aos documentais de natureza que podemos ver en televisión.
Para completar as novidades do State of Play temos a Predator: Hunting Grounds, un curioso título multixogador asimétrico en liña, que chegará a PS4 en 2020, e que permitirá que un grupo de xogadores controle a un equipo de elite fortemente armado que terá que enfrontarse a outro xogador que manexará a un mortífero Predator.

Vídeo co segundo State of Play

PUBLICIDADE