O salón do Auditorio de Marin acollerá unha Oficina de Turismo Virtual

xoves, 25 de xaneiro do 2024 S. P.

A construción do Auditorio de Marín segue avanzando e achegando novidades, algunhas delas tecnolóxicas. Segundo confirmou o Concello, o inmóbel, ademais da parte do escenario e das butacas, contará con varias salas multifuncionais e cun amplo salón (hall) que servirá para acoller un proxecto turístico á altura: a creación dunha Oficina Virtual de Turismo.
Esta oficina formará parte da vida arquitectónica da entrada do Auditorio e ten como obxectivo “mostrar Marín a quen nos visita coma nunca antes”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que destacou que este proxecto forma parte dun dos eixos do Plan de Sustentabilidade Turística. Segundo lembrou, neste intre estase a traballar na redacción dos pregos que recollan as características desta oficina virtual. Con todo, o Concello confirmou que a Realidade Virtual e a capacidade de interacción entre as persoas visitantes e o contido turístico serán “dúas liñas estratéxicas fundamentais”. Segundo explicou a rexedora, “queremos unha oficina do século XXI, que nos permita ofrecer ao turista todo o que temos dunha forma dinámica, inmersiva, axudándolle a namorarse de nós nada máis chega a Marín”.
Pantallas multitáctil, proxeccións e lentes de Realidade Virtual son algúns dos elementos que formarán parte da oficina, desde a que se potenciará Marín como “un destino turístico sustentábel, verde, activo e cheo de posibilidades”.
A execución desta oficina seguirá os pasos do Auditorio, polo que non poderá estar a disposición do público antes do primeiro trimestre de 2025.

PUBLICIDADE