O sistema de liberación do iPhone mediante software só se comercializará a través de revendedores

luns, 3 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os interesados en mercar un iPhone para liberalo e poder empregalo fóra dos EE.UU. decepcionaranse ó saber que iPhoneSIMfree, compañía que anunciou que elaborara un sistema de desbloqueo do terminal de Apple mediante software, non venderá o seu sistema de liberación de móbiles iPhone a particulares, senón que o fará a revendedores publicando xa unha táboa de prezos que vai dende os 36 dólares por 50 licenzas ata os 35 dólares por máis de 5.000.
Esta medida dificultaría a compra e liberación de terminais por parte de usuarios particulares, pero resultaría moi interesante para empresas interesadas na venda de móbiles iPhone fóra dos EE.UU. (ou para usuarios para os que o servizo telefónico de AT&T non resulte axeitado).
Pero estas solucións non están exentas de problemas, xa que dende iPhoneSIMfree non garanten que o seus sistema funcione en futuras actualizacións do iPhone, aínda que procurarán adaptalo a medida que Apple lance distintas versións (pero, loxicamente, non poden garantir que vaian ser capaces de crackear sempre o terminal).
A solución de iPhoneSIMfree era a que estaba a recibir máis atención mediática porque non precisaba da manipulación física do iPhone para a súa liberación, o que mesmo lle valeu unha reportaxe na CNN na que destacaban que os responsables da creación do parche para o móbil de Apple consideraban que non estaban a facer nada ilegal, e que liberar o terminal non afecta en absoluto ó contrato dos usuarios con AT&T (que inclúe un compromiso de permanencia de 2 anos coa compañía) polo que só parece ter implicacións de cara á exportación do móbil.

PUBLICIDADE