O videoxogo español facturou 1.383 millóns en 2022 e reclama o incentivo fiscal para chegar aos 5.500 en 2026

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

O videoxogo español continúa na senda do crecemento e en 2022 rexistrou unha facturación de 1.383 millóns de euros, o que lle permitiu dar traballo a 9.261 persoas de maneira directa (14.018 se sumamos traballadores autónomos e outros empregos indirectos), segundo as cifras publicadas na décima edición do Libro Branco do Desenvolvemento Español de Videoxogos 2023, publicado por DEV, a Asociación Española de de Empresas Produtoras e Desenvolvedoras de Videoxogos e Software de Entretemento e presentado onte na sede de ICEX España Exportación e Investimentos.
Segundo se desprende dos datos do libro, o sector facturou en 2022 un 8% máis respecto ao ano anterior e estima chegar aos 1.880 millóns en 2026. Unha situación similar á do emprego na industria, que creceu un 4,8% en 2022 e prevé empregar a máis de 12.000 persoas en 2026.
Na presentación a asociación remarcou o impacto e a importancia que tería a posta en marcha dun “incentivo fiscal no sector”. Tal e como se detalla no informe publicado pola Asociación o pasado mes de decembro, en caso de aprobarse, en 2026 o sector multiplicaría por catro a súa facturación ata os 5.500 millóns e daría traballo a máis de 23.000 persoas.
O videoxogo español conta con 790 estudos de desenvolvemento activos dos que 460 están constituídos como empresa. Cataluña convértese no principal motor do sector, tanto en termos de facturación (51%) como de emprego (50%). Cataluña (30%) e Madrid (21%) son as comunidades que acollen a máis estudos, seguidas de Andalucía (14%) e a Comunidade Valenciana (8,9%). O 51% dos estudos aínda factura menos de 200.000 euros ao ano mentres que o 31% da facturación concéntrase en empresas que facturan máis de 50 millóns de euros anuais.
O Libro Branco, en números
No informe constátase que o videoxogo español continúa “a súa consolidación” como o demostra o feito de que os estudos son cada vez máis lonxevos. Ata un 66% ten máis de cinco anos de antigüidade e só un 11% creouse hai menos de dous anos. A pesar de este dato, continúan sendo maioría (51%) os estudos que facturan menos de 200.000 euros ao ano. Por contra, os estudos que facturan máis de 50 millóns de euros ao ano son responsábeis de case un terzo (31%) da facturación en España, onde aínda dominan os estudos de menos de dez empregados (68%) aínda que son as empresas de máis de 50 traballadores as responsábeis de empregar ao 47% do sector.
O emprego feminino continúa a tendencia á alza e este ano representa o 26,4% do total, motivo polo que o Libro Branco deste ano dedicou un capítulo para resaltar voces femininas dentro do sector e dedicou a súa portada ás protagonistas de tres videoxogos españois lanzados en 2023: In the Shadows (Dead Píxel Talles), American Arcadia (Out of the Blue Games) e Koa and the Five Pirates of Mara (Chibig, Talpa Games e Undercoders).

PUBLICIDADE