O videoxogo galego AR-K publicará o seu derradeiro capítulo en febreiro

xoves, 11 de outubro do 2018 Marcus Fernández

En 2013 o estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje conseguiu completar con éxito a campaña de Kickstarter para financiar o seu xogo episódico AR-K¸ grazas en boa medida á fichaxe de estrelas como o guionista de banda deseñada Greg Rucka e a actriz de dobraxe Ash Sroka, de xeito que en 2014 e 2015 puidemos ver os capítulos dous e tres desta aventura e, aínda que se esperaba que a derradeira entrega chegase o pasado verán, finalmente confirmaron que AR-K: End Game será unha realidade en febreiro de 2019.
Dado que o proceso de creación de AR-K alongouse moito no tempo, o xogo evolucionou segundo foron saíndo os capítulos, de xeito que as primeiras entregas precisaron dunha revisión, polo que os dous primeiros episodios deste título foron remasterizados, sendo a actualización á nova versión totalmente de balde.
Con End Game poríase peche ao primeiro proxecto de Gato Salvaje, estudio que actualmente está centrado no desenvolvemento de The Waylanders, xogo que en poucos días iniciará unha campaña de micromecenado para o seu financiamento, sendo esta mesma produción moito máis ambiciosa, podendo chegar a considerarse como un dos proxectos máis importantes do sector dos videoxogos en España para os vindeiros dous anos.

PUBLICIDADE