O vindeiro episodio de Game of Thrones puido serve de madrugada a través de HBO España

mércores, 16 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Imaxe coa que demostraban que o vindeiro episodio de Game of Thrones estaba dispoñible a través de HBO España

Este verán está a ser todo un pesadelo para a HBO, e tras as polémicas ao redor das filtracións de material confidencial roubado dos seus sistemas informáticos e a filtración do episodio 4 da actual tempada de Game of Thrones a través dunha compañía asiática, agora a cousa complicouse aínda máis, pero non por mor de axentes externos, senón que o vindeiro episodio da serie estrela da compañía estivo dispoñible s pasada noite por mor dun erro de HBO Nordic, división da compañía que é a que subministra os contidos a HBO España, ou sexa, que os países europeos nos que está presente a plataforma de streaming da HBO puideron acceder en primicia ao episodio 6 de Game of Thrones.
Inicialmente a xente soubo na Rede do acontecido a través de usuarios de HBO España, chegando a desatarse un grande rebumbio nas redes sociais por parte de usuarios norteamericanos que querían que lles facilitasen o episodio filtrado, chegando a anoxarse ante o feito de que non houbese usuarios españois que capturasen con calidade o capítulo, chegando incluso a promover o cancelo #NukeSpain. Parece que dende o outro lado do Atlántico non entenden de cambio horario (a filtración aconteceu durante a madrugada) e tamén tardaron bastante en caer na conta de que HBO España non ten infraestrutura de seu, senón que era HBO Nordic a responsable do servizo de streaming.
Durante os momentos de máxima tensión, moitos usuarios con pouco sentidiño tiveron a mala idea de retransmitir o episodio da serie en vivo e con malísima calidade a través de Twitch, YouTube, Periscope ou incluso Instagram, conseguindo certa relevancia un español co nome de usuario afaga23, quen viu como Instagram pechoulle a emisión do seu directo, e agora mesmo ten a súa conta de usuario en Twitter suspendida. Tras o peche da retransmisión en Instagram comentou en Twitter que «non insisto porque non quero problemas nin o fixen con mala intención», o que demostra o pouco tino que teñen moitos usuarios da Internet, ignorantes de que están a cometer un delito moi doado de perseguir dada a publicidade co que se comete.
Nos primeiros momentos dende a HBO conseguiron frear boa parte das retransmisións ilícitas, pero a proliferación de fontes que difundiron o episodio, finalmente con boa calidade (Full HD e audio correcto, en vez de son captado co móbil), fixo que esta loita non puidese trunfar, e neste momento a distribución do episodio filtrado é masiva, de xeito que calquera persoa ansiosa por ver as aventuras de Poñente con antelación pode facelo, aínda que queda por ver se iso afectará negativamente á audiencia do vindeiro episodio, pois no caso do episodio 4 conseguiuse a mellor audiencia da historia da serie, non quedando claro que a filtración foi negativa, xa que puido xogar un rol importante ao animar ao público a ver un capítulo que presumía ser moi impactante.

PUBLICIDADE