O2 venderá o iPhone no Reino Unido a partires do 9 de novembro

martes, 18 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Jobs durante a presentación do iPhone en Londres

Finalmente chegou o iPhone a Europa, e foi o Reino Unido o lugar elixido para o desembarco coa operadora O2 (filial de Telefónica), que terá a exclusiva do móbil de Apple, que se poderá mercar nas terras británicas dende o vindeiro 9 de novembro.
Steve Jobs foi que presentou o novo terminal en Londres, nun acto no que tamén participou o director de O2, Matthew Key, quen asegurou que «o iPhone é un avance que está a cambiar o xeito no que a xente usa os seus móbiles para sempre» e polo que quixeron facerse coa súa distribución exclusiva no Reino Unido, onde se poderá mercar nas tendas da cadea The Carphone Warehouse (que conta con 1.300 establecementos).
Como era de agardar, a Europa só chegará o modelo de 8 Gb (o de 4 Gb está de saldo nos EE.UU.) que se venderá a 269 libras (uns 395 euros), podéndose contratar co mesmo tarifas planas de datos de 35, 45 e 55 libras (51,35, 66,03 e 80,70 euros respectivamente), aínda que tamén se contará con acceso libre ós 7.500 puntos de acceso Wi-Fi da operadora.
Desgrazadamente o iPhone europeo non terá cambios con respecto do modelo norteamericano, ou sexa, non contará con conectividade 3G como se viña a rumorear, o que xustificaron co excesivo consumo deste tipo de conectividade, pero que supón un atranco importante para a popularización do terminal en Europa, onde a conectividade UMTS esta moi espallada e mesmo está emerxendo a HSDPA que nalgúns lugares permite conexións móbiles de ata 7,2 Mbps fronte as limitacións da conectividade GPRS/EDGE.