OSHWDem 2016 acubillará retos con labirintos e con robótica de combate
venres, 19 de agosto do 2016
A xuntanza OSHWDem,
unha cita referencial impulsada por BricoLabs para os defensores de
“faino ti mesmo”, vai dar a acubillo a todo tipo de actividades
participativas e colaborativas con independencia do nivel tecnolóxico
que atesouremos. Así, ao
torneo de robótica para "negados" en robótica que
anunciamos os días pasados dende Código Cero cómpre sumar
tamén a Competición
de combate 2016 e, a maiores, a Competición
do labirinto. Lembrar que a cita é o 5 de novembro na Domus da
Coruña e en vindeiras datas poderemos ir sabendo máis cousas do
programa previsto, unha
vez máis artellado sobre todo tipo de achados e ideas relacionados
co hardware e a cultura libre.
Respecto da Competición
de combate, sinalar que malia o seu nome, será unha actividade
construtiva e de lecer onde primará, ante todo, a arela de crear
aparellos en clave de diversión. Segundo advirte a organización, a
inscrición é de balde pero debido ás características do evento e
do local, terá o aforo limitado. Outra das accións prevista é a
Competición do labirinto, en palabras de BricoLabs “a proba máis
complexa de todas as que se van celebrar na Feira de Tecnoloxía
Aberta”, unha competición que “require unha destreza en varios
eidos de actividade, como a mecánica, a programación e a lóxica
matemática”. Segundo lembran os organizadores, o reto non pode ser
máis interesante, xa que na primeira edición ningún participante
logro completar o percorrido.