Ocean´s remata a conta atrás para achegar a súa rede converxente: Nexus

luns, 2 de setembro do 2013 Redacción

Tal e como vimos anunciando dende hai meses, dende este luns temos xa dispoñible o novo servizo da empresa galega Ocean´s, que quixo facer máis doce o regreso de ducias de milleiros de traballadores ás súas responsabilidades laborais coa rede converxente de seu, de nome Nexus, un recurso que en palabras da firma coruñesa vainos facer máis libres e menos saturados nas nosas comunicacións. E todo, incide, grazas ao amplo abano de recursos de tecnoloxía virtual que pon en xogo. Nexus, que é o froito de moitos meses de desenvolvementos e optimizacións, foise anunciando previamente aos poucos, abrindo boca e amosando detalles dos seus servizos: produtos de converxencia fixo e móbil, liñas virtuais, almacenamento e aplicacións na nube, tele-presencia e central virtual, entre outros. O lanzamento desta rede acompañouse tamén, da presentación da nova feitura web de Ocean´s, que estes días xira arredor de Nexus levándonos da man, cun bo feixe de vídeos, polas súas potencialidades.
“Nexus”, informa a empresa galega, “é o froito da unión de diversas tecnoloxías e linguaxes, como a voz, os datos, o multimedia e o lecer tecnolóxico”. Nesta xornada de presentación, o servizo arrinca con dous produtos de voz, Nexus Seis e Nexus Dezanove, dous servizos de telefonía virtual que función a través da Rede e quen poden ser conectados a calquera router de banda larga. En breve, segundo engade a empresa, os clientes e usuarios potenciais poderán contar con máis achegas, sendo a idea básica a de crear unha completa gama de recursos adheridos a esta filosofía das comunicacións libres, converxentes e compatibles.