Ocean’s incorpora liñas e centraliñas virtuais á súa familia de servizos Nexus

martes, 17 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os servizos Ocean’s Nexus están basados en telefonía por IP

O operador de telecomunicacións coruñés Ocean’s continúa a espallar a súa carteira de servizos da familia Nexus, e tras ofrecer a calquera cliente as solucións de liña fixa virtual Nexus 6 e Nexus 19, achega agora un par de novos servizos dirixidos a empresas: Nexus Centralita Virtual e Nexus Línea Virtual.
Este novos servizos achéganse como alternativa ás centraliñas físicas tradicionais, contando con numerosas vantaxes como que non precisa de actualizacións nin mantemento, non ocupan espazo e incluso facilitan a súa configuración vía web. Estes servizos buscan satisfacer a todo tipo de profesionais, de xeito que son válidos tanto para autónomos que queren poder chamar por teléfono mentres envían un fax como para grandes empresas que precisan de empregar varias extensións repartidas polas súas delegacións.
A Línea Virtual ofrece 2 liñas telefónicas coa posibilidade de facer 2 chamadas telefónicas, ADSL de ata 10 Mbps, 1 número telefónico xeográfico, 1.000 minutos en chamadas a teléfonos fixos nacionais e funcionalidades de liña avanzada por 44,90 euros/mes + IVA (e coa posibilidade de contratar números xeográficos adicionais).
Para clientes con maiores necesidades está dispoñible a Centralita Virtual, que parte de 2 liñas con varias chamadas simultáneas, ADSL de ata 10 Mbps, 1.000 minutos en chamadas a fixos nacionais, funcionalidades de liña avanzada e grupos de extensións simultáneas ilimitadas por 57,90 euros/mes + IVE coa opción de adquirir liñas telefónicas e números xeográficos adicionais.
En todos os produtos da rede converxente de Ocean’s, as chamadas entre números Nexus son de balde e ilimitadas. Tamén é posible contratar numeracións internacionais cos distintos produtos da familia Nexus, por uns 9 euros/mes na meirande parte dos países Europeos e por 14 euros/mes en países do resto do mundo (entre os que destacan países asiáticos e de América latina) o que resulta de grande interese para usuarios que viaxen ao estranxeiro (que poderán gozar dun número local no país de destino) ou para empresas con presenza internacional.