Ocean’s lanza unha nova oferta converxente con teléfono fixo, móbil e ADSL

venres, 25 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións coruñés Oceans’s continúa no espallamento do seu catálogo de servizos converxentes e o vindeiro luns comezará a comercialización de Ocean’s Más, contrato que incluirá fixo, móbil e ADSL nunha mesma factura, coa grande vantaxe fronte a outras ofertas de que os seus minutos de voz dende o fixo inclúen non só chamadas dentro do ámbito español, senón que tamén permite establecer chamadas con outros teléfonos fixos de Alemaña, Francia, Italia, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Hungría, Suecia, Suíza, Chipre, EE.UU. e Canadá.
O novo servizo estará dispoñible en 2 modalidades: Ocean’s Más Básico, que por 34 euros/mes + IVE ofrece liña móbil con 200 Mb de datos a máxima velocidade e 50 minutos en chamadas, ADSL de ata a 10 Mbps e liña fixa con 1.000 minutos en chamadas a fixos e 50 a móbiles; e Ocean’s Más Completo, que por 44 euros/mes inclúe liña móbil con 1 Gb de datos a máxima velocidade, 100 SMS e 100 minutos en chamadas, ADSL de ata 10 Mbps e liña fixa con 1.000 minutos en chamadas a fixos e 100 a móbiles. En ambos casos está incluída a cota de liña, polo que resultan ofertas moi axustadas en prezo para certo perfil de usuario, sendo posible tamén engadir novas liñas móbiles ao contrato dende 6 euros/mes + IVE por liña.