Oceans convértese no primeiro OMV galego en ofrecer 4G

mércores, 11 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Mentres os usuarios do operador de cable R continúan a esperar pola moi adiada conectividade 4G no móbil, outro operador virtual galego, Oceans, sorpréndenos anunciando Cheetah, o seu servizo 4G, de xeito que os seus clientes de telefonía móbil poderán gozar de conectividade 4G sen custo adicional, conseguindo así unha maior velocidade de acceso á Rede dende o móbil e conseguindo así unha mellor experiencia de uso dos seus smartphones.
Oceans leva semanas realizando probas de calidade de servizo do 4G cun grupo de usuarios particulares, e tras superalas con éxito, comezan agora a activación progresiva entre todos os seus clientes, de xeito que para poder gozar do 4G só será preciso ter cobertura e un terminal compatible.
Lembremos que Oceans conta cun nutrido catálogo de smartphones (que vai dende o Bq Aquaris E6 ata o iPhone 6 Plus) entre os que hai numerosos modelos compatibles co 4G, conectividade que xa chega ao 80% da poboación española, e que vai mellorando a súa cobertura día tras día.
Cheetah está dispoñible para clientes particulares e de empresa de Oceans, de xeito que a compañía convértese no primeiro OMV galego capaz de ofrecer servizo 4G en Galicia, o que supón un salto cualitativa na súa banda larga móbil.
Entre as tarifas para particulares que inclúe o 4G teríamos a Tierra 6, que por 7,26 euros/mes (en oferta a 5,81 euros/mes ata o 29 de febreiro) permite gozar de 100 minutos en chamadas e 1 GB de datos, mentres que coa tarifa Tierra 9 (10,89 euros/mes e 8,71 euros/mes ata o 29 de febreiro) o volume de datos sería de 2 GB, polo que estamos nunha oferta bastante económica para poder gozar da banda larga móbil de calidade.