Ofrecer contidos e servizos para móbiles dende Galicia é posible, segundo as empresas do sector
luns, 4 de decembro do 2006
Pode Galicia, que non conta con operadora de telefonía móbil propia de seu, chegar a converterse nun referente en desenvolvemento de servizos para móbiles? A xulgar polas opinións dos asistentes á xornada do Foro Multiplataforma organizada este luns en Santiago polo Clúster do Audiovisual Galego, a resposta á pregunta coa que abrimos este artigo é “si”; mais, sempre en cando se lle empreste unha especial atención ós contidos, que é onde reside (por así dicilo) unha das claves do éxito. As outras pezas do puzzle serían as seguintes: interactividade, confianza en nós mesmos, innovación e, sobre todo, boa man para facernos cos contactos axeitados nos mercados internacionais. A xornada, que se desenvolveu na Fundación Caixa Galicia, serviulle ó Clúster para presentar tres exemplos de empresas galegas que están cumprir con eses requisitos e sen que lles vaia precisamente mal, senón máis ben todo o contrario: Lambdastream, Net Go e Loroestudio.
As tres traballan no eido dos novos contidos e servizos para móbiles e as tres están a abrirse camiño no mercado e a obter diferentes recoñecementos. Por exemplo: LambdaStream, que foi creada no marco do Viveiro de Empresas da Universidade da Coruña, vén de recibir o Premio á Mellor Iniciativa Empresarial do COETG e un importante pulo na súa carreira logo de ser seleccionada como unha das 16 mellores empresas start-up de toda España no quinto Foro Neotec.
En representación de LambdaStream (que desenvolve proxectos no eido da televisión interactiva e por teléfono móbil) acudiu Óscar Sacristán, director xeral, quen fixo fincapé en todo aquilo que ten que facer unha empresa pequena e (para máis inri) galega para abrirse camiño nos mercados e –tamén– no novo concepto de televisión que está a chegar xa, distinto da idea de televisión estática e dalgunha maneira impositiva que moitos aínda temos inserido na mente.
O novo concepto xira arredor dos eixes que citamos a continuación, eixes que semellan saír do mesmo lugar de onde proceden os da nova Sociedade da Información (Web 2.0): dixitalización, novas canles, novos servizos, interactividade, mobilidade e, sobre todo, máis autonomía para os usuarios, que son os que agora teñen o control. “Os contidos mandan, non a tecnoloxía”, precisou Sacristán.
Ricardo Álvarez, da firma Net Go, non puído amosar ó cen por cen en que consisten os servizos de videoconferencia para móbiles que achega a súa empresa (a idea era pórse en contacto cos alumnos do Máster de Edición Xornalística da Escola de Medios de La Voz de Galicia), xa que fallou a tecnoloxía xusto cando máis se precisaba dela.
Mais aproveitou para poñernos ó tanto do innovador dos servizos que achega Net Go, moi salientables sobre todo no que se refire á creación e mantemento de videoconferencias ou ó desenvolvemento, administración, modelación e descarga de contidos para móbil, que inclúen a maiores un alto nivel de compatibilidade entre un abano amplo modelos de terminal (factor este da compatibilidade que constitúe outra das claves do éxito dun proxecto tecnolóxico desta índole).

- Lolo Rey, de Loroestudio, na edición 2006 de SIMO
De Loroestudio acudiu Lolo Rey, quen fixo un breve repaso polos fitos do historial desta empresa ferrolá, a única de España que desenvolve aplicacións Flash para unha operadora de móbiles: Telefónica.
Un dos puntos máis salientables do seu relatorio foi sen lugar a dúbidas o relacionado con NetMobile, un servizo recoñecido xa con tres galardóns tecnolóxicos nos últimos doce meses: o Premio GaliciaTic 2005, o segundo Premio Movilforum á mellor solución de negocio e o Accésit dos Premios ETI Galicia 2005. Trátase dun sistema de información plataforma que está a ser empregado polo xornal El Correo Gallego e que, basicamente, consiste en achegarlles ós xornalistas a posibilidade de dar de alta informacións (textos, imaxes de calidade abonda como para aparecer na versión impresa, vídeos) dende os seus aparellos móbiles. “Hoxe en día”, comentou Lolo, “ningunha empresa de comunicación ten esta tecnoloxía, que vale para un xornal ou tamén para un blog móbil”, engadiu. Esta sería a definición técnica do servizo: NetMobile é unha ferramenta que permite consulta-los datos xerados por un medio informativo ou unha administración pública, tanto dende un móbil como dende unha canle de Televisión Dixital Terrestre (TDT) e de xeito interactivo. Lolo Rey tamén nos puxo ó tanto doutros servizos postos en marcha pola empresa, como a aplicación que se puído descargar o ano pasado nas eleccións á Xunta e que lles permitiu ós usuarios visualizar os programas dos candidatos, incluíndose fotos deles, resumo de intencións ou detalles sobre o reparto dos escanos.
