Orange, Jazztel e Simyo experimentan problemas coas chamadas móbiles

venres, 17 de outubro do 2025 Marcus Fernández

Dende as 13:00 horas a rede de MásOrange padece unha incidencia técnica que impide a boa parte dos seus clientes realizar chamadas a través do seu móbil, e non foi ata as 18:02 cando Orange informou publicamente dunha «incidencia que está provocando conxestion sobre a rede móbil» engadindo que están a traballar en devolver o servizo á normalidade e pedindo desculpas polas molestias causadas. Pouco despois publicou un comunicado semellante a operadora Jazztel, e preto dunha hora despois sería Simyo a compañía que faría o mesmo.
Non parece que o fallo afecte ao resto de operadoras que ofrece o seu servizo a través da rede móbil de Orange, o que resulta bastante raro, pois estamos ante unha incidencia que xa se está a alongar moito no tempo, e cun impacto desigual dentro dunha mesma rede.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Orange deu por concluída a incidencia tras 8 horas con fallos no servizo de voz nas liñas móbiles.